Narón prepárase para vivir unha fin de semana ateigada de propostas culturais, deportivas e tradicionais pensadas para todos os públicos. Este venres e sábado, o concello acolle música en directo, competición deportiva de alto nivel e tradicións populares.
O Pazo da Cultura acolle este venres, ás 21.00 horas, o espectáculo Queen is Back, unha proposta que recrea con minuciosidade a mítica xira do 86, a última con presenza de Freddie Mercury. O público poderá gozar dunha posta en escena que homenaxea a formación orixinal da banda británica, coa voz e caracterización de Daniele Fasciani (Italia) no papel de Mercury, acompañado por Giacomo Figliolino como Brian May, Roberto Damicis como Roger Taylor e Julio Llorca como John Deacon.
O espectáculo ofrece un percorrido polos grandes éxitos de Queen, con temas tan icónicos como “We Are the Champions”, “Bohemian Rhapsody”, “Radio Ga Ga” ou “A Kind of Magic”, dentro dunha nova xira europea que reúne a milleiros de seguidores.
A actividade deportiva chega o sábado 15 de novembro, coa celebración do XXXII Trofeo Cidade de Narón – XXII Memorial Javier Lago, na piscina municipal da Gándara con entrada libre. Preto de 200 nadadores galegos participan na que é unha das citas máis lonxevas e emblemáticas do calendario autonómico, organizada pola AD Náutico de Narón co apoio do Padroado de Deportes.
O campionato disputarase en piscina de 25 metros, con probas en todas as modalidades individuais e relevos mixtos 4x50 libre. Entre os clubs participantes estarán o CN Xove, CN Arteixo, CN Coruña, CN Culleredo, CN Ferrol, Marina Ferrol, CN Cedeira, CDN Ciudad de Santiago e a AD Náutico de Narón, que concorrerá con 14 nadadores e nadadoras.
Tamén o sábado, a partir das 17.00 horas, a parroquia de Doso celebra unha nova edición da súa tradicional recreación da Esfolla, que rolda as tres décadas de historia. A actividade está organizada pola AVV A Naveira Doso co apoio do Concello de Narón, o Padroado da Cultura e a Deputación da Coruña.
A xornada inclúe unha exposición de bonecos de maínzo elaborados polos centros escolares, obradoiros, actuacións de música e danza tradicional, o VI Campionato de Debagado de Maínzo, un concurso de sobremesas e o peche musical con Os Carecos. Non faltará tampouco a actuación infantil “Pablo Díaz con Canta Música”, nun evento que busca implicar as familias e a mocidade na transmisión das tradicións.
O sábado pola noite, ás 20.00 horas, o Pazo da Cultura ofrece a obra Non pasarán, da compañía Artika. Unha comedia dramática inspirada en Biedermann y los incendiarios, de Max Frisch, que aborda o medo social, o auxe da extrema dereita e a vulnerabilidade dos principios cando a supervivencia entra en xogo. A trama principia cun país sacudido por incendios provocados, nun contexto no que dúas visitas misteriosas cambian para sempre a vida dunha familia.