A CORPORACIÓN LOCAL APROBOU O REAXUSTE DO GASTO PLURIANUAL DO CONVENIO DA MANCOMUNIDADE PARA MELLORAR O SERVIZO DA CASA DE ACOLLIDA
O acordo saíu adiante por unanimidade e recolle as contías que abonará o Concello de Narón este ano e tamén en 2020, 2021 e 2022
Narón, 25 de abril de 2019. Na sesión plenaria celebrada esta tarde aprobouse por unanimidade o ditame de modificación e reaxuste do gasto plurianual correspondente ao convenio interadministrativo de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol –asinado en outubro do pasado ano- para mellorar o servizo da Casa de Acollida. Os pagos realizaranse entre os anos 2019 e 2022, por uns importes, no caso do Consistorio naronés, de 12.436 euros este ano; 18.782 en 2020 e tamén esta última contía nas anualidades de 2021 e 2022.
A corporación local aprobou tamén por unanimidade a proposta de modificación dos compoñentes do Consello Sectorial de Igualdade, atendendo as solicitudes presentadas desde a AVV Os Irmandiños, do Val para acometer cambios, pasando a ser titular Margarida Leirachá e suplente Manuel José Teijeiro, e a Asociación de Loita contra os Malos Tratos (Almat), que pediu a súa incorporación e fixou como representantes a María del Carmen López e Paula Calvo, como titular e suplente, respectivamente.
Así mesmo, aprobouse a concesión de subvencións a tres entidades: a Anpa do colexio Jorge Juan, ao Club de Xubilados e Pensionistas Santa Icía e á Asociación Veciñal San Mateo.
No apartado de mocións, o Grupo Mixto presentou unha a través de ENE para instar á Xunta a non expropiar os terreos afectados pola senda peonil e ciclista do Val e para non iniciar a segunda fase. A moción non saíu adiante na sesión plenaria.
Por vía de urxencia aprobouse por unanimidade unha segunda moción, de EU, pedindo a adopción de medidas para o control da poboación de gaivotas na zona urbana de Narón. O portavoz de EU aceptou unha enmenda formulada desde Terra Galega, polo que se procederá a realizar un estudo previo co fin de que, no caso de ser preciso, se adopten as medidas oportunas en cada caso. O tema do acceso ao lixo desta especie quedará subsanado, tal e como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, co cambio dos contenedores de lixo que se realizará na cidade.