O CONCELLO ABRIRÁ O VINDEIRO LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN NA LUDOTECA MUNICIPAL DA SOLAINA
A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, recordou que se trata dun servizo de balde para menores de 3 a 12 anos
Narón, 6 de xuño de 2025. A Ludoteca municipal de Narón abrirá o vindeiro luns, día 9, e ata o 20 de xuño, o prazo de inscrición neste servizo ata completar a totalidade das prazas dispoñibles, que se dirixen a menores de 3 a 12 anos. A edil de Ensino e Bibliotecas, Olga Ameneiro, recordou que as matrículas se deben formalizar no propio centro, localizado no número 2 da rúa Cardenal Cisneros, na Solaina, de luns a venres en horario unicamente de 13:00 a 14:00.
En total ofértanse 120 prazas, das que 40 serán para a xornada de luns e mércores, outras 40 para a de martes e xoves e as corenta restantes parea os grupos do venres, en todos os casos en horario de 10:00 a 13:00. Cada un dos grupos terá dúas quendas con 20 menores cada unha, unha de 3 a 6 anos e outra de 7 a 12.
A edil de Bibliotecas recordou que do 25 de xuño ao 7 de setembro as instalacións da Ludoteca municipal da Solaina abrirán en horario de verán, se ben durante agosto permanecerán pechadas. De luns a venres estará operativa entre as 10:00 e as 13:00 para actividades e de 13:00 a 14:00 para solicitar información e formalizar matrículas.
“Trátase dun servizo de balde para as familias e que ofrece unha gran variedade de actividades lúdicas e, ao mesmo tempo tamén didácticas adaptadas ás idades de cada unha das quendas ás que se dirixe”, apuntou Olga Ameneiro. A concelleira animou ás familias que o precisen a “facer uso deste servizo que lles permitirá conciliar mellor na tempada de verán e, ao mesmo tempo, que as nenas e nenos compartan xogos e actividades con outros menores”.