NARÓN CELEBRA AS VII OLIMPÍADAS ESCOLARES DE SEGURIDADE VIARIA CON PRETO DE 300 PARTICIPANTES
O Concello de Narón, a través do Departamento de Educación Viaria da Policía Local, organiza durante o curso 2025-2026 as VII Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria, unha iniciativa educativa dirixida ao alumnado de 5º de Educación Primaria dos centros escolares do municipio.
Nesta edición participan estudantes dos nove colexios de Educación Primaria de Narón, cun total aproximado de 300 escolares, que ao longo dos meses de xaneiro, febreiro e marzo reciben formación específica nas aulas como preparación para esta actividade.
O programa ten como obxectivo reforzar, dun xeito lúdico e participativo, coñecementos relacionados coa educación viaria, o respecto polo medio ambiente, os primeiros auxilios, as matemáticas aplicadas e o uso do inglés vinculado á mobilidade. A iniciativa busca fomentar entre o alumnado condutas seguras, responsables e sostibles na súa vida diaria.
As Olimpíadas estrutúranse en diferentes probas educativas, entre as que se inclúen unha proba teórica a través da plataforma Kahoot, a actividade creativa Aula en Xogo, o xogo participativo A Palabra Oculta e unha proba práctica consistente nunha xincana de bicicletas, que se desenvolve nos propios centros escolares.
A final das VII Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria terá lugar o próximo 25 de marzo no Pazo da Cultura de Narón, onde os centros participantes competirán nun evento colectivo que servirá tamén como espazo de convivencia e intercambio entre o alumnado dos distintos colexios.
Con esta iniciativa, o Concello de Narón reforza a súa aposta por unha educación viaria integral desde idades temperás, como clave para mellorar a seguridade, a convivencia e a mobilidade no municipio.