O CONCELLO DE NARÓN ABRE ESTE LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN EN DOUS CURSOS DE CARRETILLAS E PLATAFORMAS ELEVADORAS
O Concello de Narón abre este próximo luns, 27 de abril, o prazo de inscrición para participar en dúas edicións do curso de Operador/a de carretillas e plataformas elevadoras-PEMP (con certificación UNE), unha acción formativa orientada á mellora da empregabilidade das persoas desempregadas.
Venres, 24 de abril de 2026. A formación, cun total de 50 horas, combinará contidos técnicos e módulos transversais. En concreto, inclúe formación como operador/a de carretilla elevadora (UNE 58451, 20 horas) e operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP, UNE 58923, 15 horas), ademais de módulos de orientación laboral, igualdade de oportunidades, prevención de riscos laborais e medio ambiente no sector naval, así como dúas charlas e visitas complementarias.
As clases desenvolveranse no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres. A primeira edición celebrarase do 11 ao 26 de maio, mentres que a segunda terá lugar do 27 de maio ao 10 de xuño. Cada edición contará con 10 prazas. O Concello reserva un 20% para derivación do Servizo Sociocomunitario, que pasarán ao cupo xeral no caso de non cubrirse.
Poderán inscribirse persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón. No caso de quedar prazas vacantes, poderán acceder persoas doutros concellos, seguindo a orde de inscrición. Entre outros requisitos, non poderán estar matriculadas noutros cursos municipais coincidentes nin ter realizado previamente esta mesma formación con avaliación positiva.
O Concello recomenda, para un mellor aproveitamento do curso, dispoñer de carné de conducir e non padecer vertixe ou problemas coronarios.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de maio ás 13:30 horas. As solicitudes poden presentarse no Rexistro xeral do Concello de Narón, na sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa vixente.
A asignación de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Publicarase unha listaxe provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas na sede electrónica, abríndose un prazo de reclamacións de 24 horas.
O alumnado será informado telefónicamente e deberá achegar, antes do inicio do curso, a tarxeta actualizada de demandante de emprego. O día de comezo da formación deberá identificarse co DNI ou NIE.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web municipal ou contactar co Servizo Sociocomunitario no teléfono 981 33 77 00 (extensións 1108 e 1109).