Representantes da Asociación de Persoas Xordas de Ferrol impartiron as dúas sesións programadas, que se convocaron unha semana despois de que persoal do equipo de Educación Viaria se desprazase á sede da AXF para realizar un obradoiro sobre seguridade viaria
Narón, 19 de xullo de 2018. Unha vintena de persoal funcionario do Concello realiza hoxe e mañá un obradoiro de Lingua de Signos Española Signaconmigo, que imparte persoal da Asociación de Persoas Xordas de Ferrol (AXF). As sesións impártense no Consistorio, en horario de 10.00 a 11.30 horas e constan dunha parte teórica e outra práctica que se desenvolverán entre hoxe e mañá, tal e como indicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo. O persoal da AXF recibiu a pasada semana no local da entidade en Ferrol un obradoiro sobre Seguridade Viaria que impartiron Pedro Caneiro e Sonia López, axentes da Policía Local e integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.
Unha das finalidades desta convocatoria é ofrecer ao persoal municipal formación que lle permita un primeiro achegamento á comunidade xorda, abordando temas como as diferencias entre a comunidade e o colectivo xordo, os pilares fundamentais da citada comunidade e o movemento asociativo dentro do colectivo de persoas xordas. Estes temas, xunto cos principios da cultura xorda, tratáronse hoxe antes da parte práctica, que versou sobre dactilóxico, saúdos e presentación, días da semana e meses, números ordinais do 1 ao 20, entre outros.
Para a xornada final, prevista para mañá no mesmo horario, de 10.00 a 11.30 horas, está programada tamén unha parte teórica, na que se explicará que é un intérprete de lingua de signos, o seu perfil e características, as súas normas deontolóxicas, o ámbito profesional e tamén se profundizará no servizo da lingua de signos e na historia da interpretación da lingua de signos. Os contidos prácticos de mañá serán sobre vocabulario xeral, vocabulario de actividades cotiás e dinámicas varias. Na convocatoria incidiuse na necesidade de promocionar tanto a Lingua de signos como a cultura xorda, destacando a importancia deste tipo de formación para poder adquirir nocións básicas da Lingua de Signos Española e fomentar a integración social da comunidade xorda.
Desde o goberno local Sánchez Fojo, valorou a colaboración entre o Concello e a Asociación de Persoas Xordas de Ferrol, “que nos permite impulsar e realizar este tipo de iniciativas, cun marcado carácter formativo sobre temas de gran interese e que confiamos en poder convocar novamente”.