O CONCELLO ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN COA FUNDACIÓN TERRA DE TRASANCOS DE O VAL
A achega municipal ascende a 15.000€
O Alcalde de Narón, Xoán Gato, e o presidente da Fundación Terra de Trasancos, da Cooperativa de O Val, Manuel Dopico, asinaron na tarde de onte o convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades sociais, culturais e do programa de maiores municipal nas instalacións desta entidade. Na firma, que tivo lugar no Fogar de Maiores de O Val, tamén estiveron presentes os concelleiros Manuela Pérez, Mar Gómez e Manuel Ramos, e diversos membros da Fundación.
O Concello fará unha achega económica de 15.000€, que serán aboados en dous prazos: o primeiro no momento da firma e o segundo ao remate do convenio. Tamén facilitará asesoramento técnico do Servizo Sociocomunitario municipal, en todo o relativo ó convenio e ós programas a desenvolver, materializado no seguinte persoal: un técnico en xestión de servizos, un educador social, unha traballadora social, unha avogada e un administrativo. A Fundación Terra de Trasancos aportará as súas instalacións e espazos necesarios para levar a cabo os programas. O convenio estará vixente un ano.
Xoán Gato mostrouse moi satisfeito do acordo alcanzado, recoñecéndolle a O Val como cooperativa un peso social específico no municipio, e unha labor activa e comprometida, sobre todo no eido dos maiores. Manuel Dopico, presidente da Fundación, agradeceu ó Concello a súa colaboración e reafirmou o papel da súa entidade como nexo de unión directa cos veciños. A Concelleira de Cultura, Manuela Pérez, destacou a importancia deste convenio do que se beneficiarán ambas institucións e que potenciará aínda mais o activo servizo desta parroquia do rural para cos seus maiores.