ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "CANTACONTOS PARA BEBÉS" ORGANIZADO POLO CONCELLO EN PEDROSO
A actividade diríxese a nenas e nenos de entre 0 e 5 anos e terá lugar o vindeiro 14 de xuño
Narón, 10 de xaneiro de 2019. O Concello organiza unha nova actividade enmarcada no programa Apego, de socialización de nenas e nenos en galego, a través do Servizo de Normalización Lingüística. A concelleira en funcións de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que a cita consistirá nun Cantacontos para bebés e terá lugar o vindeiro venres, día 14, nas instalacións da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, de Pedroso.
“A actividade estará protagonizada por Pablo Díaz, que fará viaxar ás familias que acudan a través dos contos e de instrumentos musicais tradicionais, como a frauta ou a harmónica, e botando tamén man dalgún dos temas máis coñecidos do seu repertorio”, explicou Taibo.
O Cantacontos para bebés diríxese a menores de 0 a 5 anos e ás súas familias, estando limitada a participación a un máximo de 30 menores por cada unha das dúas sesións programadas, a primeira a partir das 17.30 horas e a segunda dende as 19.00. Os menores deben estar acompañados por unha persoa adulta durante a actividade, tal e como recordou a edil naronesa.
As inscricións deben tramitarse a través do correo electrónico: a.pita@naron.es, debendo remitir os seguintes datos: nome da actividade, nome e idade da nena ou neno, nome do pai, nai ou persoa que o acompañe, enderezo electrónico e teléfono de contacto. As inscricións formalizaranse por estrita orde de inscrición, indicou Taibo.