A FESTA INFANTIL DO ODEÓN BULEVAR FESTIVAL CELEBRARASE O VINDEIRO VENRES NA ZONA DA RÚA CATALUÑA
A festa, con múltiples propostas de balde, desenvolverase entre as 18.00 e as 21.00 horas
Narón, 21 de agosto de 2019. A festa infantil da quinta edición do Odeón Bulevar Festival, aprazada o pasado 9 de agosto por previsión de fortes refachos de vento, terá lugar finalmente o vindeiro venres, día 23, na rúa Cataluña, nas inmediacións do Centro Comercial Odeón. O Concello organiza esta cita e convida ás veciñas e veciños de Narón e doutras localidades a asistir a este evento dirixido aos nenos e nenas.
A partir das 18.00 horas, e ata as 21.00 aproximadamente, sucederanse as múltiples propostas, todas elas de balde, pensadas para esta festa infantil, na que se inclúen inchables acuáticos, unha gran festa da escuma con animación e unha xincana acuática, tal e como recordou a concelleira de Festas, Natalia Hermida.