A galardoada é presidenta da Sociedade Cultural Areosa, fundadora do Club de Anciáns de Piñeiros e colaboradora activa de Cáritas.
Narón, 2 de Abril de 2009.- O Concello de Narón acolleu esta mañá unha recepción á Muller do Ano en Narón 2009, que nesta ocasión recaeu en Ofelia Díaz Picos, a proposta da Comisión de traballo sobre temas da Muller. Os membros desta comisión recoñeceron na galardoada o seu compromiso “que representa perfectamente a liña que esta comisión ven defendendo ao longo dos anos, sendo unha muller que adicou gran parte da súa vida ao servizo da sociedade”, dí o texto da proposta.
Ofelia Díaz Picos foi socia fundadora e membro da primeira directiva –en 1978-da Asociación de Veciños de Piñeiros. Un ano despois, foi socia fundadora da Sociedade Cultural Areosa, participando na súa xunta directiva dende o seu comezo. Hoxe en día ostenta o cargo de presidenta desta sociedade, sendo reelexida por unanimidade no 2008.
O currículum da Muller do Ano en Narón 2009, quen enterouse hoxe do seu nomeamento, é moi extenso. Ó longo da súa vida fundou o Club de Anciáns de Piñeiros, do cal é tamén presidenta, e colaborou con Cáritas Interparroquial da zona e con Cáritas Diocesana, ademáis de traballar con Cáritas Parroquial de Piñeiros ata o día de hoxe. “No seu compromiso coa sociedade da que forma parte, sempre actuou movida pola defensa dos intereses dos seus veciños e veciñas, e das persoas con menos recursos económicos. Tamén mostrou o seu compromiso coa difusión e enriquecemento da nosa cultura”, dí o texto do acordo, polo cal decidiuse o seu nomeamento.
A galardoada amosouse sorprendida con esta distinción, apuntando que “todo o que fixen foi con moito cariño e sobre todo pensando nas persoas maiores. Pasei moitas noites sen durmir pensando en cómo axudar á xente”, recoñeceu.
O Alcalde de Narón felicitou a Ofelia Díaz, definíndoa coma “unha muller que sempre estivo involucrada en toda clase de actividades a favor dos máis necesitados, e desexo que siga así porque teñe moito ánimo”. Tamén a Tenente de Alcalde declarou que “a galardoada é merecedora deste
recoñecemento porque adicou parte da súa vida ós demais”, dixo Angeles Díaz.
Á recepción celebrada hoxe no Concello asistiron tamén a Concelleira de Igualdade, Mª del Carmen Espada, a Concelleira de Cultura, Manuela Pérez Sequeiros, o Concelleiro de Facenda, Guillermo Sánchez Fojo, a Concelleira de Protocolo, Paloma González Cuevas, e o Concelleiro do BNG, Pablo Villamar. Tamén estiveron presentes membros de Cáritas e da Asociación Areosa, á que pertenece a homenaxeada. A súa tesoreira, María Pico Vidal, resaltou a labor desinteresada de Ofelia Díaz, á que definiu coma “unha muller moi loitadora, que axudou sempre ós máis necesitados. É unha persoa exemplar, en tódolos ámbitos da súa vida”, dixo.