O PAZO ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA OS TRES ÚLTIMOS ESPECTÁCULOS DO "VII FESTIVAL INTERNACIONAL DO MONÓLOGO TEATRAL SINGULAR"
As últimas citas deste festival terán lugar o venres, sábado e domingo, podendo adquirirse as entradas no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura
Narón, 23 de marzo de 2022. O Pazo da Cultura acolle esta fin de semana os tres últimos espectáculos programados para a sétima edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral “Singular”. A primeira das citas será este venres, con Déborah Vukusic, que protagonizará o monólogo “Guerra de identidade” -20.30 horas-. A actriz meterase na pel dunha muller que vive obsesionada coa figura ausente do seu pai, un deportista de elite e militar na guerra dos Balcáns. Ao longo desta peza irá narrando a súa viaxe para coñecer á familia.
Na xornada do sábado será o turno da actriz galega Isabel Risco, que protagoniza o monólogo “Bravas” -20.00 horas-. Este é o seu segundo espectáculo unipersoal, no que ofrecerá ao público a súa particular visión da historia das mulleres galegas. Mulleres sen medo, que forman parte dun valioso clan, ilusionadas, inconformistas, empoderadas… que co paso dos anos se enfrontaron á máquina do poder establecido coas armas da xustiza social, da igualdade.. para construír un país mellor.
O ciclo desta edición do festival do monólogo teatral pecharáo a actriz Atenea García, da compañía Xarope Tulú. Ela será a protagonista do monólogo “Bichocas”, que o domingo ás 18.00 horas se poderá ver no Café Teatro do Pazo da Cultura. Este espectáculo diríxese á primeira infancia, onde os obxectos e a palabra nos fan viaxar a través do mundo animal e que aposta por estimular a creatividade individual e colectiva, incentivar a observación activa das crianzas e fomentar o uso do galego, entre outros obxectivos.
As entradas para estes espectáculos poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura ou a través da web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.