ESCOLARES DO CPI DO FEAL VISITARON ESTA MAÑÁ O CONSISTORIO NO MARCO DO PROGRAMA MUNICIPAL "COÑECEMENTO DO CONCELLO"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, conversou cos escolares no salón de pleno e respostou as preguntas que lle formularon
Narón, 6 de febreiro de 2023. O Concello acolleu esta mañá unha nova visita de escolares cuxos centros participan no Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola, impulsado a través do Servizo Sociocomunitario. A iniciativa “Coñecemento do Concello”, na que se enmarcan estas visitas, trouxo hoxe ao Consistorio a vinte e cinco escolares de sexto de Educación Infantil do CPI do Feal.
As nenas e nenos percorreron varias estancias do Concello e unha vez no salón de plenos visionaron o vídeo “Nara de Narón” acompañados pola abella Nara e un explorador que se encargan de dinamizar estas visitas teatralizadas. Finalizado o vídeo recibiron á alcaldesa, Marián Ferreiro, que conversou animadamente cos menores e respostou ás preguntas que lle formularon sobre a cidade, o seu traballo… e finalmente entregoulles uns agasallos en agradecemento á súa visita. Rematada a reunión coa rexedora local os escolares fotografiáronse no photocall da abella Nara.
As visitas programadas para esta semana ao Concello continuarán mañá, cun grupo de sexto de Primaria do CEIP A Solaina e o venres, con outro de sexto de Primaria do CEIP Virxe do Mar.
A través deste programa municipal tamén se levan a cabo ao longo do curso visitas ás instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón, o Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, a Biblioteca municipal e o Centro de Recursos Solidarios.