A PRESENTACIÓN DE "GOMETS" E "GOMETS II, LA CASA ENCANTADA" E A PROXECCIÓN DE "ALCARRÁS" CENTRAN A PROGRAMACIÓN CULTURAL DESTA SEMANA
A Biblioteca municipal e o Pazo da Cultura acollerán as propostas, en ambos casos con entrada de balde
Narón, 7 de febreiro de 2023. A programación cultural desta semana inclúe dous actos que terán lugar mañá en instalacións municipais. Ás 18.30 horas presentaranse na planta soto da Biblioteca municipal os libros “Gomets” e “Gomets II, la casa de encuentros”, da autora naronesa María Isabel Cagiao Blanco. A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, recordou que a encargada de presentar o acto será a tamén escritora naronesa María Isabel Ramos Breijo. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
As dúas obras están publicadas pola editorial Diversidad Literaria nos anos 2021 e 2022 e a autora avanzou que forman parte do que nun futuro será unha triloxía.
Así mesmo, o Pazo da Cultura acollerá unha nova proxección do ciclo de cine “Elas”, organizado polo Concello e o Cineclube Serie B en colaboración coa Federación de Cineclubes de Galicia e a Xunta de Galicia. Mañá poderase ver, tal e como apuntou a edil de Cultura, Olga Ameneiro, a película “Alcarrás”, de Carla Simón. A que é a segunda película desta directora conta con once nominacións aos Premios Goya, cuxa gala se celebrará o vindeiro día 11 no Palacio Fibes de Sevilla, na que será a trixésimo sétima edición da festa do cine español. A familia Solé, cultivadora de grandes extensións de melocotóns é a protagonista desta película.
O ciclo de cine “Elas”, con entrada de balde e o inicio das proxeccións ás 20.00 horas, continuará o 15 de febreiro coa proxección de “Libertad”, de Clara Roquet e rematará o día 22 deste mes con “Las niñas”, de Pilar Palomero.