Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA PARTICIPOU HOXE NAS PRIMEIRAS XORNADAS ORGANIZADAS POLA ASOCIACIÓN MULLERES ÁRTABRAS
Marián Ferreiro destacou o labor da entidade, constituída recentemente e presidida por Marga Carballo
Narón, 19 de novembro de 2023. O Auditorio municipal acolle hoxe, durante todo o día, as primeiras xornadas organizadas pola asociación Mulleres Ártabras. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asistiu á convocatoria, titulada “O emprendemento é para todas” e iniciada ás 10.00 horas. A rexedora local destacou a importancia de que un grupo de empresarias de Narón e comarca constituísen esta entidade e destacou o labor que desenvolve no sector. A presidenta de Mulleres Ártabras, Marga Carballo, dirixiu unhas palabras ás persoas asistentes ao inicio da convocatoria, agradecendo a súa presencia e tamén o seu traballo. Así mesmo, destacou a implicación do Concello en xeral e da alcaldesa, Marián Ferreiro, en particular, sobre a que asegurou que “consideramos unha muller ártabra: traballadora, loitadora, nai e comprometida co feminismo”. Na mesma liña se pronunciou a vicepresidenta do colectivo, Noe Paz, que xunto con Mar Basoa, vogal de Mulleres Ártabras conduciu a xornada para ir presentando a cada unha das integrantes desta entidade e as súas empresas, maioritariamente de Narón pero tamén doutros concellos da comarca e adicadas a diversos sectores. “Sodes un exemplo e un referente no mundo empresarial e agora tamén no ámbito do asociacionismo, apostando por unha unión que, de seguro, vos fará máis fortes”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa destacou o papel que xogan as mulleres no tecido empresarial de Narón e comarca, “contribuíndo a que a cidade continúe á vangarda do sector” e subliñou que “con persoas coma vós estou segura de que o futuro da muller no ámbito empresarial ten moito que aportar”. Finalmente, a rexedora local desexou a todas elas un Feliz día internacional da muller emprendedora, que se conmemora hoxe e longa vida á Asociación Mulleres Ártabras, constituída a comezos deste ano. A xornada comezou coa intervención de Andreina Aulas, que falou sobre a “Xestión do tempo”, abordando a súa propia experiencia e facilitando unha serie de técnicas e ferramentas dirixidas a acadar este obxectivo no noso día a día. Mantemento corporal, márketing dixital, networking, desenvolvemento de habilidades… son outras das propostas incluídas no programa. A maiores, ofreceuse un espazo para a conciliación das persoas asistentes, que puideron deixar aos seus fillos e fillas menores participando en diferentes obradoiros.

<<< Decembro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal