O ESPECTÁCULO "OS BOLECHAS VISITAN EN FAMILIA UNHA GALERÍA DE ARTE" CHEGA Á CIDADE EN DECEMBRO
A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, avanzou que estarán o 2 de decembro no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros
Narón, 21 de novembro de 2023. O Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acollerá o vindeiro 2 de decembro o espectáculo teatral “Os Bolechas visitan en familia unha galería de arte”. A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, indicou que se trata dunha proposta para público infantil e familiar aberta á cidadanía en xeral, ata completar a capacidade da sala. A representación dará comezo ás 18:00 horas.
“Os Bolechas visitan unha galería de arte” é a nova proposta dos Bolechas para o público ao que se dirixe. Trátase dun espectáculo de monicreques no que os Bolechas coñecerán, ao visitar unha galería, a un pintoresco personaxe e os seus cadros abstractos. Eles non acaban de entender este tipo de arte e prefiren pintar cadros máis figurativos. Despois de moito pensar e coa axuda do público deciden debuxar sobre os seus antepasados: bisavós e bisavoas, tataravós e tataravoas, familiares prehistóricos…
Esta proposta está organizada dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística e enmárcase no programa FalaRedes da Rede de Dinamización Lingüística. O Concello de Narón colabora con este evento a través do Servizo de Normalización Lingüísitca, tal e como recordou a edil naronesa.
Para obter máis información sobre este evento pódese consultar a web: www.naronengalego.gal.