O CONCERTO "THE VERY BEST OF DIRE STRAITS" E O ESPECTÁCULO "TITIRICIRCUS" CENTRAN A PROGRAMACIÓN DESTA FIN DE SEMANA NO PAZO DA CULTURA
As entradas para estas propostas culturais poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura
Narón, 3 de abril de 2024. O Pazo da Cultura acollerá esta fin de semana dous novos espectáculos: un concerto de música rock, “The very best os Dire Straits”, a cargo de Brothers in Band, o sábado, e unha sesión de circo para público familiar e infantil, “Titiricircus”, na tarde do domingo. As entradas dispoñibles poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura.
A primeira das propostas, “The very best of Dire Straits”, repasa o máis destacado da banda británica nun show de altísimo nivel no que interpretarán boa parte do legado musical da banda de Mark Knopfler, con temas como Down to the Waterline; Money for nothing; Sultans of Swing… durante unhas dúas horas. Está recoñecido como o maior espectáculo internacional en homenaxe a Dire Straits. As entradas teñen un prezo de 32 euros, tanto no patio de butacas como nos dous anfiteatros. O concerto dará comezo ás 20:30 horas.
O domingo, ás 18:00 horas comezará no Pazo o espectáculo “Titiricircus”, unha lembranza do gran circo de carpa alta e bicolor que lembran dous vellos traballadores do mesmo con marionetas de fíos. É unha proposta moi participativa co público, na que se poderán ver os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral; de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e de 5,50 para menores de 14 anos.