O PAZO DA CULTURA ACOLLEU O ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DO "XXXIII CERTAME INTERCENTROS"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, valorou a calidade e orixinalidade dos traballos presentados polo alumnado
Narón, 15 de maio de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, asistiron esta mañá xunto con outros edís da corporación local no Pazo da Cultura ao acto final da trixésimo terceira edición do “Certame Intercentros-Concello de Narón”, organizado este ano polo CRA de Narón. Á convocatoria asistiron tamén o xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana; o inspector de Educación do Servizo Territorial de Inspección Educativa de Ferrol, Santiago Sobrino, e persoal directivo, profesorado, ANPAS e alumnado dos centros de ensino que participaron na convocatoria: os colexios Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, CRA de Narón, O Feal, e o IES As Telleiras.
Uns 350 escolares asistiron ao acto en representación dos preto de 700 que participaron na convocatoria desta edición, presentada por José Antonio Blanco e Miguel Vérez, alumnos da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón e que forma parte da programación municipal con motivo do Día das Letras Galegas. A rexedora local entregou os premios globais de participación aos representantes e directores/as dos CEIP Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, CRA de Narón e CPI do Feal.
Os traballos das modalidades de murais, conto, conto ilustrado e cómic permaneceron expostos ata hoxe no Pazo da Cultura. Tamén se entregaron, por parte da rexedora local, a edil de Ensino, representantes da Consellería de Educación, dos centros educativos e outros edís da corporación local –TEGA, PP, BNG e PSOE-, os premios correspondentes ás modalidades de expresión oral e canción en galego, canción, teatro, expresión oral, audiovisuais, cómic, narrativa e poesía. A maiores, entregouse o premio ao cartel anunciador do certame, realizado por alumnado de cuarto curso de Primaria do CRA de Narón. Os integrantes do Pequecoro Solidarium, menores de entre 6 e 11 anos dirixidos por Cristina Teijeiro, o alumnado gañador da categoría de canción, de terceiro e cuarto de Primaria do CRA de Narón e de sexto de Primaria do CEIP Ponte de Xuvia, amenizaron a convocatoria coas súas actuacións durante o desenvolvemento do acto.
A alcaldesa da cidade felicitou ao centro organizador desta edición do certame Intercentros, o CRA de Narón, e tamén ao alumnado e profesorado que participou no mesmo. “A nosa lingua é un tesouro que debemos protexer, é algo propio, unicamente noso, que pasou de xeración en xeración ao longo dos séculos e chegou ata nós, polo que é responsabilidade nosa coidala con agarimo para retransmitirlla tamén ás xeracións futuras”, destacou. Ferreiro valorou a calidade e orixinalidade dos traballos presentados e felicitou a todos os participantes e ao profesorado, así como ao resto de persoas que fixeron posible esta gala de clausura do Intercentros.
Antes de rematar o acto anunciouse, como é tradicional neste evento, o centro que organizará o vindeiro ano a trixésimo cuarta edición. A coordinadora do departamento de Normalización Lingüística do CRA de Narón, Berta López, entregou o testemuño á súa homónima do CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, Laura Cabarcos.