UNHA UNIDADE MÓBIL PARA A DOAZÓN DE SANGRE ESTARÁ DOUS DÍAS DA VINDEIRA SEMANA NA CIDADE
O vehículo estará operativo o martes e o mércores nas inmediacións do novo centro de saúde, en horario de mañá e tarde
Narón, 24 de maio de 2024. Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará o vindeiro martes e mércores na cidade, concretamente nas inmediacións do novo centro de saúde. O vehículo permanecerá operativo durante as dúas xornadas en horario de mañá, de 9.30 a 14.30 e tamén pola tarde, de 15.30 a 21.00 horas.
As persoas que acudan a doar a primeira hora deben almorzar pola mañá e no caso de facelo despois de xantar ao mediodía, esperar dúas horas para facelo. Así mesmo, deben levar a tarxeta de doante, o DNI ou un documento similar e informar ao médico se se está tomando algún medicamento. Dende ADOS informouse que as persoas que queiran consultar posibles dúbidas sobre a doazón de sangue e a localización das unidades móbiles poden chamar, de balde, ao número de teléfono 900 100 828.