O CONCELLO PINTARÁ NAS INSTALACIÓNS DO PUMP TRUCK DA SOLAINA UN MURAL PARA CONCIENCIAR SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, explicou que a iniciativa está aberta á cidadanía e forma parte dun proxecto do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Narón, 21 de agosto de 2024. A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, anunciou que o Concello realizará un mural colectivo nas instalacións do pump track da Solaina. A iniciativa, tal e como explicou, forma parte do proxecto People&Planet, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
“Quéreme ou non me quere” é o nome do deseño do mural, obra da deseñadora Andrea Luengo, unha artista cacereña que estará na cidade pintando o mural durante a semana do 26 de agosto ao 1 de setembro. A obra invita a repensar o territorio e como habitamos e móstranos como vemos e como imos ver a nosa contorna debido ao cambio climático, animando á cidadanía a pasar á acción para frealo. Así mesmo, valórase a narrativa tomada das margaridas e que preguntas lles fariamos cando xa non quede chan onde poidan medrar, tal e como indicou a autora. A nivel pictórico, a través deste deseño percíbese un estilo moi persoal con pinceladas que case converten o mural nun cadro ao óleo misturado con sinxelos debuxos.
A concelleira naronesa avanzou que xa se convidou a entidades sociais a participar no pintado deste mural, un labor que poderán facer o día 28 de agosto, entre as 10:00 e as 14:00 horas, todas as persoas que o desexen, acompañando á artista. Para poder asistir será preciso inscribirse previamente, ao dispoñer dun total de 15 prazas -podendo formarse dous grupos se hai moitas persoas interesadas en participar-. Non son precisos coñecementos previos, débese levar roupa que podería mancharse, auga e unha gorra. Para anotarse é preciso chamar ao Servizo Sociocomunitario Municipal, ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1103) ou ao móvil 670 304 577.
“Aproveitamos a ocasión de colaborar novamente con este proxecto do Fondo Galego, unha iniciativa que nos parece moi interesante en canto á mensaxe a transmitir á cidadanía, a posibilidade de implicala directamente e, como non, de fomentar e poñer en valor o traballo de artistas coma, neste caso, a cacereña Andrea Luengo, polo que dende o Concello animamos ás veciñas e veciños a participar nesta xornada aberta para colaborar no pintado do mural do día 28 deste mes", apuntou María Lorenzo.