A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou a convocatoria, que terá un dobre fin solidario, coa presidenta da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate
Narón, 3 de setembro de 2024. Na xornada deste sábado o parque de Freixeiro acollerá unha nova edición da Festa Infantil Cidade de Narón, que este ano terá un marcado carácter solidario. A concelleira de Festas, Mar Gómez, e a presidenta da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate, presentaron o evento, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde e ofrecerá varias propostas aos asistentes.
As nenas e nenos que se acheguen ao parque de Freixeiro poderán desfrutar, dende as 12:00 ata as 14:00 e tamén pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas, dunha gran variedade de posibilidades. Un deslizador acuático xigante, o Río Bravo, dun tobogán de 50 metros de longo; tres inchables secos de diferentes dimensións; un inchable xigante acuático de 40 metros de longo, unha tirolina con rocódromo; xincanas acuáticas con animación, pintacaras, batallas campais acuáticas, un multi splash acuático; un circuíto de karts a pedais… Por suposto, un ano máis terá lugar a tradicional festa da espuma, que porá o broche final a esta celebración a última hora da tarde, sobre as 19:00 horas.
Un ano máis, o Concello colaborará coa ASCM para manter a iniciativa solidaria “Bocatín, alimentando a inclusión”, de venda de bocadillos –xamón york, queixo e chourizo- a prezos populares e a favor das persoas con discapacidade. A presidenta da asociación sociocultural ASCM recalcou que a venda se realizará baixo unha carpa instalada no propio paseo para a ocasión e que estará operativa ininterrumpidamente, entre as 12:00 e as 20:00 horas. Paula Gárate indicou que tamén se porán á venda bebidas e haberá algunhas novidades. “Trátase de que a xente que acuda á festa poida dispoñer dun espazo alí mesmo no que adquirir un bocadillo para realizar unha pequena parada e poder seguir desfrutando da festa infantil”.
Así mesmo, establecerase no parque de Freixeiro un punto no que se poderán doar alimentos non perecedoiros para axudar ás familias que precisan a axuda do Centro de Recursos Solidarios de Narón. “Agradecemos que aquelas persoas que acudan á festa e poidan doar algún tipo de alimento o fagan durante esta xornada, para entre todas e todos poder colaborar e axudar ás familias máis vulnerables”, recalcou Mar Gómez.
A celebración deste evento implicará unha serie de restricións no tráfico rodado na zona, concretamente nos viais de acceso ao parque de Freixeiro.