O CICLO DE CINE DE ANIMACIÓN COMEZA MAÑÁ NO PAZO COA PROXECCIÓN DA PELÍCULA "FANTÁSTICO SR. FOX"
As proxeccións son de balde e desenvolveranse entre setembro e novembro con dous ciclos organizados polo Concello e o Cineclube Serie B
Narón, 17 de setembro de 2024. O ciclo de Cine de animación organizado polo Concello de Narón, a través do Padroado da Cultura, e o Cineclube Serie B comezará mañá pola tarde no Pazo da Cultura coa proxección da película Fantástico Sr. Fox, dirixida por Wes Anderson.
George Clooney, Meryl Streep, JAson Schwartzman, Bill Murray e Owen Wilson forman o reparto desta película, protagonizada por un astuto raposo chamado Fox que parece que leva unha vida idílica coa súa muller e o seu fillo pero que polas noites rouba galiñas e outras aves en granxas próximas á súa vivenda, o que provocará unha reacción por parte dos seus veciños. Tres granxeiros unen forzas para atrapar ao raposo e os animais da zona farán o propio para poñerse a salvo dos humanos. O filme baséase no libro homónimo do escritor de literatura infantil Roald Dahl.
A proxección dará comezo ás 20:00 horas e a entrada é de balde. O día 25 de setembro poderase ver “Arrugas”, de Ignacio Ferreras; e en outubro, o día 2 “Psiconautas” e o 9 “La vida de calabacín”. Co fin deste ciclo continuará no Pazo o ciclo de Cine europeo, do 30 de outubro ao 20 de novembro.