A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, recordou que o martes días 24 abrirá o prazo de inscrición nesta proposta
Narón, 20 de setembro de 2024. A Biblioteca municipal acollerá o día 28 deste mes un espectáculo dirixido a público infantil –a partir de 3 anos- e familiar. “Bruxa e abella” é o título da peza da compañía Trémola Teatro que se poderá ver ás 11:00 horas nas citadas instalacións. As persoas interesadas en asistir deberán reservar praza previamente, tal e como indicou a edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, podendo facelo a partir do martes 24 de setembro ás 16:00 horas de xeito presencial na Biblioteca ou chamando por teléfono ao número 981 382 173.
“Bruxa e abella” é unha obra protagonizada por unha meiga, de nome Bruxa, moi diferente ao resto e que non quere ter un gato como mascota, senón unha abella. Ela convencerá a todos de que as abellas poden ser as mellores compañeiras das bruxas. A través deste espectáculo o público poderá descubrir a importancia que teñen as abellas no noso mundo.