O CONCELLO SÚMASE Á LIMPEZA SIMULTÁNEA DE RÍOS EN GALICIA ORGANIZADA POR ADEGA E PROXECTO RÍOS
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, e Borja Díaz, técnico en Educación e control ambiental, presentaron hoxe a iniciativa
Narón, 23 de setembro de 2024. O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, e Borja Díaz, técnico en Educación e control ambiental, anunciaron hoxe a participación do Concello de Narón na “XVII Limpeza simultánea de ríos en toda a xeografía galega”, organizada pola citada asociación ecoloxista e Proxecto Ríos, cos que colabora Díaz. A convocatoria desenvolverase este domingo, día 29, entre as 10:30 e as 14:00 horas, e conta coa participación de preto de 60 municipios e 70 entidades galegas, tal e como apuntaron.
A finalidade deste acto é limpar de lixo os ríos a través da colaboración do voluntariado, polo que poderá participar calquera persoa que o desexe. No caso de Narón a tarefa realizarase, segundo as previsións iniciais, na marxe do río entre a rotonda de Freixeiro e o muíño das Aceas. O Concello aportará material e servizos para poder levar a cabo esta convocatoria.
A iniciativa está aberta á participación das persoas que desexen colaborar, que poderán facelo pola senda peonil e ciclista ou con calzado apropiado –botas de auga- pola propia beira do río Freixeiro. As nenas e nenos menores de idade deberán ir acompañados do pai/nai ou titor/a. Para anotarse haberá que chamar ao número de teléfono 627 396 653, ata o xoves ás 20:00 horas, con fin de ter unha previsión sobre o material preciso.
O proxecto ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental encamiñado a dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando ferramentas que garantan a súa participación, tal e como indican dende Adega.
O edil naronés animou ás veciñas e veciños a participar nesta convocatoria, “unha acción máis de sensibilización ambiental na que colaboramos dende o Concello, co fin de tratar de concienciar á xente da importancia de manter limpos os nosos ríos en particular e as nosas cidades en xeral”.