Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA E A AGRUPACIÓN VECIÑAL SAN MATEO DE TRASANCOS ORGANIZARON UN COMPLETO PROGRAMA PARA CELEBRAR O SAMAÍN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou a convocatoria acompañada por Miguel Ángel Santalla e José Manuel López, da Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos
Narón, 25 de outubro de 2024. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou esta mañá xunto con Miguel Ángel Santalla e José Manuel López, da Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos, a programación coa que o vindeiro 31 de outubro se celebrará o Samaín. Os actos desenvolveranse no Centro cívico social de San Mateo, na escola da parroquia e nas súas inmediacións durante a tarde e parte da noite. Na tarde do xoves da vindeira semana comezarán a desenvolverse as diferentes propostas, a partir das 17.00 horas. Poderase ver unha exposición de cabazas realizadas con alumnado de terceiro e cuarto de Primaria de centros escolares da cidade a través dun obradoiro impulsado dende o Padroado da Cultura e tamén a esa hora comezarán uns obradoiros de cabazas e maquillaxe nos que poderán participar as persoas que o desexen. Ás 19.00 horas dará comezo unha actuación musical a cargo de Gramola Gominola e ás 20.00 horas, como é tradicional nesta data, sairá das inmediacións do local social a tradicional “Comitiva de Luces e Tebras”, un percorrido “terrorífico” de aproximadamente quilómetro e medio polas inmediacións do Centro Cívico Social de San Mateo e no que os caminantes portarán candeas para alumear na escuridade. A programación inclúe ás 20.30 horas o Obradoiro do Medo, unha proposta para menores ata 12 anos que terá lugar na Escola de San Mateo. A amenización nocturna do Samaín correrá a cargo do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura, cuxa actuación comezará ás 21.00 horas. Un ano máis, non faltarán nesta cita o afamado caldo e os liscos que prepararán representantes da Agrupación Veciñal de San Mateo e que se servirán ás persoas que desexen degustalos a un prezo simbólico de dous euros. Os tickets poderán adquirirse na zona da carpa, tal e como indicaron os representantes da entidade veciñal. A alcaldesa e os representantes da AVV San Mateo animaron á cidadanía a achegarse á parroquia para desfrutar da celebración do Samaín, “mantendo viva unha cita de orixe celta coa que se celebra o comezo do inverno e o inicio do Ano novo celta”. Ferreiro destacou a implicación da veciñanza de San Mateo nesta convocatoria “que ano tras anos reúne a centos de persoas ao longo do día, de todas as idades e chegadas de Narón e tamén doutros concellos da zona”.

<<< Outubro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31  
Eventos do Concello
naron.gal