Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PISTA POLIDEPORTIVA DE DOSO ACOLLERÁ ESTE SÁBADO UNHA NOVA EDICIÓN DA RECREACIÓN DA ESFOLLA
O Padroado da Cultura e a AVV A Naveira, de Doso, organizan esta convocatoria
Narón, 12 de novembro de 2024. A parroquia de Doso acollerá este sábado a tradicional Recreación da Esfolla, unha cita que terá lugar a partir das 17.00 horas na pista polideportiva. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou esta mañá a convocatoria acompañada por Carmen López, Ofelia López, Tarsilia Rodríguez, Margarita Aneiros e Pepucha Calvo, veciñas da parroquia que se encargarán de cociñar o chocolate que se servirá, de balde, durante a tarde ás persoas que desexen degustalo. A programación prevista dará comezo ás 17.00 horas na pista polideportiva de Doso, onde baixo unha carpa instalada para a ocasión na pista polideportiva desenvolverase un obradoiro de bonecos de follas de maínzo e haberá unha exposición dos realizados nos centros de ensino da cidade, organizados dende o Padroado da Cultura. En total, preto de 450 escolares de quinto e sexto curso de educación Primaria dos colexios Ayala, Santiago Apóstol, A Solaina, Ponte de Xuvia, Virxe do Mar e O Feal participaron nestes obradoiros. Para ambientar a xornada actuarán os grupos de música e danza tradicional do Padroado da Cultura. A continuación, sobre as 18:30 horas, iniciarase a esfolla do maínzo, na que poden participar todas as persoas que o desexen. E haberá tamén un concurso de sobremesas, ao que poderán presentar as súas elaboracións as persoas que o desexen. Estas serán valoradas por un xurado sobre as 19.00 horas e a continuación repartiranse para degustar entre o público asistente ao acto. A quinta edición do “campionato mundial de debagado de maínzo” é outro dos atractivos do programa deste evento cultural, dende as 20.00 horas aproximadamente os participantes competirán para debagar nun tempo determinado a maior cantidade posible. O apartado musical contará tamén coa actuación da charanga Alxibeira, e pechará a programación a agrupación Pan.Sen.Fron. Dende a entidade veciñal e o Concello animaron á cidadanía a acudir á recreación da esfolla en Doso, naqueles casos que o consideren, vestidos con roupas propias do século XX para ambientar esta celebración. A alcaldesa destacou o labor que realiza ao longo do ano a Asociación de Veciños “A Naveira”, de Doso e, en particular, por manter viva esta celebración xunto co Padroado da Cultura e veciñas e veciños da parroquia.

<<< Novembro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal