A PARROQUIA DE PIÑEIROS CONTA CON CINCO ESTACIONAMENTOS ALTERNATIVOS PARA ACUDIR AO ACTO DO ACENDIDO DA ILUMINACIÓN DE NADAL
O acto do acendido terá lugar ás 19:00 horas nos xardíns da residencia San José de Pñieros
Narón, 4 de decembro de 2024. O Concello de Narón acenderá mañá a iluminación de Nadal en todo o termo municipal. Así o recordou a edil de Festas, Mar Gómez, indicando que terá lugar nos xardíns da residencia San José de Piñeiros ás 19:00 horas. Así mesmo, dende a área de Seguridade, o concelleiro José Oreona explicou que as persoas que acudan poderán estacionar na parte posterior da igrexa de Piñeiros, na zona do campo de fútbol, xunto á antiga nave almacén de Covirán/Codeal, trala escola infantil municipal da citada parroquia e mesmo fronte á empresa Autos Paco, áreas de estacionamento alternativo próximas á zona na que se desenvolverá o evento.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, acompañada doutros representantes da corporación local, de persoal da residencia San José de Piñeiros e de veciñas e veciños da cidade, será a encargada de premer o pulsador co que se acenderá unha gran árbore de algo máis de 25 metros ubicada nos xardíns do citado centro e outros elementos ornamentais instalados para a ocasión nesa zona e ao longo do termo municipal.
O acto estará amenizado polo grupo de Cantareiras do Padroado da Cultura e tamén haberá uns elfos cos que se poderán fotografiar as nenas e nenos. Para todos os asistentes serviranse castañas asadas con leite.
O acendido de Nadal estará operativo dende o 5 de decembro ata o 9 de xaneiro a partir das 18:00 horas e ata as 00:00, salvo as noites do 24, 25 e 31 de decembro e os días 1, 5 e 6 de xaneiro, nos que permanecerá acendido ata o amencer.