O CONCELLO INICIA AS CAMPAÑAS "A TÚA VELLA BICI VALE UN SORRISO" E "VISTE O TEU PATINETE OU A TÚA BICI DE NADAL"
O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, animou á cidadanía a participar nestas campañas
Narón, 4 de decembro de 2024. O Concello organiza novamente este ano, a través da Concellaría de Seguridade Cidadá, dirixida por José Oreona, a campaña “A túa vella bici vale un sorriso”. Trátase dunha iniciativa dirixida á cidadanía en xeral e co obxectivo de recoller bicicletas –tamén estáticas- e patinetes para posteriormente entregarllas a nenas e nenos de familias vulnerables. O edil naronés recordou que se poderán entregar no Concello ou nos propios centros de ensino da cidade, donde as recollerá o equipo de Educación Viaria para supervisar o seu estado e posteriormente entregalas nas condicións óptimas de uso.
Nas oficinas de Educación Viaria –planta de acceso ao Consistorio- poderán entregarse en horario de mañá, de 8:00 a 14:00 e ata o vindeiro 4 de xaneiro aos seus responsables, os axentes Sonia López e Pedro Caneiro. No caso dos centros de ensino, deberán entregarse ata o día 17 deste mes, para recollelas antes de que dean comezo as vacacións escolares de Nadal. As persoas que o desexen tamén poderán levalas directamente ás instalacións do Centro de Recursos Solidarios de Narón, no polígono da Gándara (xunto ao Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz).
Así mesmo, Oreona recordou que se levará tamén a cabo a campaña de decoración de patinetes e bicis con motivos navideños, que rematará o 17 deste mes. Poden participar todos os escolares de Narón, que deben enviar unha fotografía sacada dende a entrada dos seus respectivos centros de ensino co seu patinete, bici ou correpasillos decorado de Nadal ao correo: seguridadevial@naron.gal. No mail deben indicar o nome e apelidos da nena ou neno, o nome do colexio e curso e tamén especificar –con indicación expresa do pai, nai ou titor/a- se ofrece o seu consentimento para publicar a imaxe.
Oreona recalcou o feito de que se trata dunha iniciativa “coa que tratamos de axudar ás familias máis vulnerables, dándolles ás bicicletas unha segunda vida para que poidan utilizalas outras persoas”. En canto á proposta para decorar os patinetes, avanzou que os participantes recibirán un agasallo pola súa participación.