A ALCALDESA ENTREGOU HOXE OS DIPLOMAS DO CURSO DE MANEXO DE MÓBILES INTELIXENTES AO ALUMNADO DA GÁNDARA
Marián Ferreiro acudiu á convocatoria acompañada pola edil de Benestar Social, María Lorenzo
Narón, 4 de decembro de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, entregou esta tarde os diplomas ao alumnado do curso de Manexo de móbiles intelixentes realizado no centro cívico social da Gándara. Un total de dezaseis persoas participaron nesta convocatoria, iniciada o pasado 4 de novembro e que rematou hoxe mesmo. A alcaldesa interesouse ante o alumnado, persoas maiores de 60 anos e empadroadas na cidade, polo desenvolvemento deste curso e tamén doutras actividades dirixidas ao colectivo de maiores. Ao acto acudiu tamén a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo.
Preto de 170 persoas, divididas en 14 grupos, inscribíronse neste curso, que se imparte tamén de balde no centro cívico social do Val, na AVV Virxe do Mar, en Doso, no Alto, en Freixeiro, en Sedes, en Santa Icía, en Xuvia e en Castro. Os cursos iniciáronse o pasado 1 de outubro e o último rematará o 14 deste mes.
Estas sesións programáronse para mellorar a inclusión dixital das persoas maiores, ensinándolles a sacar o mellor partido dos móbiles intelixentes. O curso consta de dous módulos, un sobre introdución ao manexo de dispositivos móbiles e tablets, e outro sobre comunicación mediante dispositivos móbiles. Funcionamento, configuración, menús, axenda, cámara, axustes, aplicacións navegación por internet e correo electrónico, whatshapp, Facebook e outras plataformas forman parte dos contidos a abordar nas 20 horas de duración.