Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PROGRAMA NADAL EN NARÓN INCLÚE PROPOSTAS MUSICAIS, DEPORTIVAS E DE LECER EN VARIOS ESPAZOS DA CIDADE
O Concello presentou hoxe a programación xunto con integrantes da Asociación de Comerciante de Narón, o motoclub Fojeteiros e a Agrupación Deportiva Náutico de Narón
Narón, 12 de decembro de 2024. O programa Nadal en Narón presentado esta mañá no Concello contempla unha gran variedade de propostas, para persoas de todas as idades, que se desenvolverán dende o día 19 deste mes ata o 5 de xaneiro. O alcalde accidental de Narón, Manuel Ramos, deu a coñecer as propostas xunto cos edís de Festas, Mar Gómez; Promoción Económica, Olga Ameneiro; e Deportes e Mocidade, Ibán Santalla. Participaron tamén na convocatoria Susana Oreona, da Asociación de Comerciantes de Narón; José Luis Bouza e Ana González, do moto club Fojeteiros e Amando Guerrero, da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, entidades todas que colaboran nalgunhas das actividades deste Nadal. O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro xoves o espectáculo El Cascanueces, de El Ballet de Kiev -20:30 horas- e haberá tamén música os días 21 deste mes -20:00-, con góspel a cargo de The Mississippi Mas Choir, que trae a Narón The Gospel Legend Tour e o tradicional concerto de Fin de ano a cargo da Xove Banda de Narón e a Banda Infantil de Asociación Cultural Musical Sementeira, o día 27 deste mes -19:30 horas-. A partir do 21 deste mes tamén se concentrarán varias propostas navideñas, como o Navitrén, que regresará os días 21, 22, 23, 26, 27 e 28, 29 e 30 e os días 2, 3 e 4 de xaneiro, con viaxes pola cidade e saídas das inmediacións do Concello ás 12:00 e 13:00 horas e polas tardes, cada hora, dende as 16:00 ata as 20:00, incluídas. Os tickets poderán recollerse a partir da vindeira semana nos establecementos adheridos á Asociación de Comerciantes de Narón, que colabora co Concello, e tamén no Consistorio. En colaboración co Motoclub Fojeteiros levarase a cabo tamén o día 21 unha nova edición, a décimo cuarta, da Xornada Moteira Solidaria. Os participantes realizarán un percorrido pola cidade e sairán ás 16:30 horas da Praza de Galicia, a onde regresarán sobre as 17:15 horas con Papá Noel, que recibirá ás nenas e nenos que se acheguen á citada ubicación. Dende o 21 ao 24 deste mes e os días 26 e 27 desenvolverase o programa Tardes Xuvenís na Casa da Mocidade -17:30 a 20:30 horas-. Neste caso, trátase dunha proposta dirixida á mocidade naronesa e que contempla actividades lúdicas e educativas. As actividades son de balde e repartiranse en tres espazos diferenciados, un de xogo comunitario, outro de debuxo e pintura e outro de videoxogos. A maiores, haberá unha serie de obradoiros para os que será preciso inscribirse previamente a través do enlace: https://gplus.typeform.com/to/Jrrga9LB. O domingo 22 celebrarase na Feira do Trece, en Sedes, o Mercado de Segunda man, operativo de 10:30 a 14:00 e dende as 16:00 ata as 19:00 horas, con entrada de balde e sorteo de agasallos. A música regresará a finais de ano, o día 28 -20:00 horas- cun concerto no Pazo de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, que traen a Narón o espectáculo Axúdame a sentir. O 26 de decembro terá lugar a Ruada do Apalpador, organizado a través do programa Narón Gaña co Galego e en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón. Será no local social do Alto -18:00 horas- e require inscrición previa a través do correo a.pita@naron.gal. O martes 31 de decembro será A Trintaeundoce, a San Silvestre naronesa -16:30 horas-, con saída e meta na estrada de Castela, nas inmediacións da rotonda de Freixeiro. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través da web: www.galitiming.com. A Festa de Fin de ano da Praza de Galicia dará comezo o 1 de xaneiro a partir das 01:00 horas, coa actuación da orquestra Origen e do grupo Claxxon e con entrada de balde, baixo unha gran carpa. Antes do espectáculo musical haberá unha sesión de fogos de artificio. A programación de Nadal pechará o domingo 5 coa Cabalgata de Reis, con saída ás 18:00 horas da praza do colexio de Xuvia, un pasarrúas pola estrada de Castela e a recepción aos Reis Magos na Praza de Galicia.

<<< Decembro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal