O CONCELLO DESTINARÁ 1,57 MILLÓNS DO POS A MELLORAS VIARIAS, EN SERVIZOS E EDIFICACIÓNS MUNICIPAIS
As actuacións someteranse a aprobación nun pleno extraordinario que terá lugar este venres
Narón, 4 de febreiro de 2025. O Concello destinará unha partida de algo máis de 1,57 millóns de euros a acometer diversas actuacións tanto na zona rural como na urbana do municipio. A través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña cofinanciaranse estes traballos, que se licitarán á maior brevidade co fin de que se poidan iniciar canto antes. O grupo de goberno destacou a importancia de acometer as actuacións proxectadas, que se lle plantexaron ao BNG, acordando finalmente o total das que se levarán a un pleno extraordinario que se celebrará este venres. A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou “a importancia de poder levar a cabo as obras plantexadas para este POS, coincidindo neste caso TEGA e BNG na necesidade do conxunto das mesmas, e priorizando o feito de que mellorarán considerablemente viais e espazos da zona urbana e rural da nosa cidade”. Pola súa banda, a voceira do BNG, Olaia Ledo, asegurou que dende a formación “estamos satisfeitas porque as nosas demandas foron incluídas. O POS é traballo do BNG na Deputación e en Narón a responsabilidade implica chegar a este acordo”.
A construción dunha beirarrúa na rúa Álvaro Paradela, en Freixeiro, nun tramo comprendido entre a estrada de Cedeira e a rúa Noriega Varela, é outra das obras que se acometerán con cargo ao POS co fin de conectar esas beirarrúas coa rúa Cerrallón de Abaixo para facilitar a mobilidade. O proxecto conta cun orzamento de 235.551 euros.
No que respecta a melloras viarias, programáronse actuacións en varios camiños e pistas das parroquias do rural naronés e tamén na zona urbana. En conxunto trátase de preto dunha trintena de obras en camiños como os de Villallonte, Bazón, Sabín, Corral Vello, Pracedo… en vías urbanas como a Italia, Portugal.. e nos aparcamentos da Praza de FEVE (Xuvia) e do instituto. En conxunto, trátase de actuacións orzamentadas en 362.166 euros.
A ampliación da rede de saneamento no lugar da Rocha, na parroquia de Sedes, forma parte das obras incluídas neste POS para completar este servizo na zona e dar servizo a preto dunha trintena de vivendas, uns traballos neste caso cun importe de licitación de 464.643 euros. Neste ámbito tamén se ampliará a rede de saneamento na Picota, na parroquia do Couto, onde con cargo a 91.645 euros se mellorará o servizo en vivendas da zona.
O acondicionamento do Centro de Maiores das Vivendas da Mariña permitirá a substitución da carpintería exterior e aillamentos, o cambio da calefacción, actualización da instalacións eléctrica, modificacións en rasantes, cotas de suelos, distribución interior e pavimentos e actualización de acabados no interior e exterior da construción, mellorando a eficiencia enerxética, a accesibilidade e a imaxe das instalacións. Un completo programa de obras orzamentado en 290.813 euros. Tamén neste apartado se contempla outro proxecto para mellorar a carpintería exterior do local social de San Xiao, con cargo a un investimento de 52.813 euros para mellorar tamén a eficiencia enerxética da construción.
Outra das áreas sobre as que se actuará con cargo ao POS é a mellora da accesibilidade, cunha obra na contorna da praza do Concello de Xuvia por un importe de 76.877 euros. As obras proxectadas afectan a once espazos localizados nas rúas Xoán XXIII e Foro e na Praza do Concello dende a estrada de Castela.