O CONCELLO REPARTIRÁ NOVAS CAIXAS NIÑO PARA AVES INSECTÍVORAS E DE REFUXIO DE MORCEGOS
O edil de Medio Ambiente, Manuel Ramos, indicou que as caixas poderán solicitarse no Concello e se entregarán á veciñanza ata esgotar existencias
Narón, 5 de febreiro de 2025. O Concello de Narón e o CIFP Ferrolterra colaboraron un ano máis para poñer a disposición da veciñanza novos refuxios para a fauna silvestre, concretamente para paxaros e morcegos. O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, explicou que unha vez que estean dispoñibles tanto as caixas niño para aves insectívoras como as caixas refuxio de morcegos, se entregarán á cidadanía interesada –ata esgotar existencias- no Concello, debendo solicitalos previamente facilitando os seus datos a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1604 e 1614). Os refuxios entregaranse unha vez que estean dispoñibles coa guía de uso para a súa colocación e limpeza e tamén con outra nova elaborada este ano na que se profundiza no fomento da biodiversidade.
A segunda guía, tal e como indicou o edil naronés, “amosa a importancia que que ten no noso día a día a protección da natureza, indicando unha serie de medidas útiles que buscan o equilibrio e autorregulación dos ecosistemas”. Medidas sinxelas como evitar o uso de biocidas e fitosanitarios, recuperar as tradicionais sebes vexetais que sirvan de refuxio á fauna silvestre, reducir a frecuencia da sega ou corta de prados ou xardíns, acomodar as podas das árbores ás necesidades de cría das aves, entre outras, son accións recomendadas para ter unha horta ou xardín rico en biodiversidade, que sexa capaz de autorregularse para que non proliferen insectos indesexados. Tamén se engade nesta nova guía un apartado con boas prácticas agrarias para evitar estas proliferacións. As dúas guías xa están dispoñibles tanto na planta baixa do Concello como no sexto andar.
Estas solucións baseadas na natureza permiten resolver os problemas que se presentan sen menoscabar a saúde dos ecosistemas incorporando a restauración da natureza como solución ao fomentar a propia resiliencia dos ecosistemas. Neste caso concreto ao fomentar a autorregulación evitamos a contaminación con substancias químicas, que finalmente acabarían afectando tamén á poboación.
O pasado ano o Concello de Narón xa colaborou co CIFP Ferrolterra, tal e como recordou Ramos, para elaborar caixas niño de aves insectívoras e caixas refuxio para morcegos, co fin de “establecer un método de control biolóxico de pragas de insectos dende un enfoque unha soa saúde da OMS, que considera a saúde humana, animal e a do planeta como un todo interconectado”.
Ramos recordou o éxito de aceptación que tivo entre a cidadanía esta iniciativa, o que levou ao Concello a retomala de novo en colaboración co CIFP Ferrolterra e do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, aos que agradeceu a súa implicación.