O CONCELLO CONMEMOROU HOXE O DÉCIMO ANIVERSARIO DO SERVIZO DE PREVENCIÓN, EXTINCIÓN DE INCENDIOS E SALVAMENTO DE NARÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a aposta do Consistorio por crear o servizo e tamén o labor que desenvolven os profesionais do mesmo
Narón, 8 de febreiro de 2025. O Auditorio municipal acolleu este mediodía o acto de celebración do décimo aniversario do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que acudiron tamén o edil responsable do SPEIS, José Oreona, outros representantes da corporación local; a delegada territorial da Xunta en Ferrolterra, Martina Aneiros; o Xefe de Emerxencias, Víctor Vázquez; a concelleira de Mobilidade de Ferrol, Pamen Pieltain; representantes de corpos de bombeiros de Ferrol e de Navantia; de Protección Civil de Narón e Ferrol, do Grupo Inditex e do plantel do servizo homenaxeado.
O actual xefe en funcións do servizo, Fidel González, subiu ao escenario para agradecer a asistencia de todos os presentes. Recordando que é un dos integrantes do SPEIS que forma parte do mesmo dende o ano 2015, cando se constituíu, recordou que forman “unha gran familia” e destacou o feito de que continúan traballando “coa mesma ilusión e paixón” que o primeiro día. Así mesmo, valorou a aposta política realizada no seu día para que a cidade contade cun servizo de bombeiros propio e tamén tivo González palabras de agradecemento para os seus compañeiros e compañeiras “por dar o mellor de cada un sempre que se nos precisa”.
Ao remate da súa intervención, procedeuse a proxectar un vídeo no que se resumía unha parte do traballo e actuacións desenvolvidas nesta década, unhas 10.000 en total.
Finalmente tomou a palabra a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que recordou a “firme aposta” do exalcalde José Manuel Blanco por constituír este servizo, así como o traballo dos edís responsables do mesmo na última década, Guillermo Sánchez Fojo, Román Romero e, actualmente, José Oreona e do xefe do servizo, Rafael Pazos, e a súa “cabezonería” para implantar este servizo.
Ferreiro recordou tamén os inicios do SPEIS, cun plantel de quince persoas e dous vehículos, e que hoxe en día é de casi trinta persoas e unha decena de vehículos, mostra do esforzo e empeño do Concello por ter un servizo propio, pioneiro en cidades de menos de 50.000 habitantes. A rexedora local incidiu en “poñer en valor, hoxe e sempre, o voso compromiso e dedicación”.
“Sodes un equipo de profesionais sobradamente preparados e formados, o que nos proporciona, non só como administración, senón tamén como cidadáns, ese orgullo e esa tan necesaria tranquilidade e seguridade no noso día a día”, recalcou.
Ao remate do acto, os integrantes do SPEIS realizaron unha fotografía de grupo e recibiron de mans da alcaldesa un agasallo, unha imaxe de recordo do actual plantel dos bombeiros.