O TROCOLIBRO, AS VISITAS GUIADAS, UN CONTACONTOS PARA BEBÉS E UN ESPECTÁCULO DE NARRACIÓN ORAL NA PROGRAMACIÓN DO MES DO LIBRO
A concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, recordou as propostas deseñadas con motivo do Mes do Libro
Narón, 21 de abril de 2025. A Biblioteca municipal acolle estes días varias iniciativas enmarcadas nos actos do Mes do Libro. A concelleira responsable da área, Olga Ameneiro, recordou que hoxe mesmo comeza Trocolibro, unha actividade de intercambio de libros que se desenvolverá ata o sábado 26 deste mes, incluído, e que permitirá levar unha selección de libros da Biblioteca e da Axencia de Lectura da Gándara –neste último caso ata este venres 25-. As persoas que o desexen poderán levar algunha das publicacións colocadas na mesa de Trocolibro, deixando ou non outra a cambio, cun máximo dun libro cada un/unha.
A edil naronesa recordou ademais que dende hoxe se pode reservar praza para as xornadas de portas abertas que haberá o xoves 24 na Biblioteca –ás 11:00 e ás 18:00 horas- e o venres 25 na Axencia de lectura da Gándara –ás 17:30 horas-, para amosar as instalacións ás persoas interesadas e explicar os servizos que se prestan nestes centros municipais. As reservas poden realizarse de xeito presencial na Biblioteca do Alto ou chamando por teléfono ao 981 382 173.
O venres 25 deste mes -19:30 horas- programouse un espectáculo de narración oral para público adulto, a partir de 14 anos, a cargo de Lorena Pinheiro. A obra, protagonizada por Saladina e marcada pola chegada do teléfono público, está cargada de humor e lembranzas do que supuxo a mellora das telecomunicacións nos 80. A entrada é libre ata completar o aforo dispoñible da sala.
Finalmente, este sábado día 26 –ás 11:00 horas- haberá unha sesión de contacontos dirixida a bebés de 6 a 36 meses. A contadora Olga Abad traerá esta obra de títeres na que unha bibliotecaria ve como lle desaparecen todos os libros do centro sen deixar rastro, tendo que buscalos e vivindo moitas aventuras nese camiño. Para poder asistir os bebés teñen que ter entre 6 e 36 meses e o carné da rede de Bibliotecas sen sancións pendientes. As reservas poden realizarse dende mañá martes ás 16:00 horas de xeito presencial ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.