O CONCELLO E ASFEDRO IMPULSARON A CAMPAÑA "A MODIÑO: A FESTA É TÚA, ELIXE COMO VIVILA" DIRIXIDA Á MOCIDADE
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro; a presidenta de Asfedro, Sari Alabau, e a educadora social da entidade, Rebeca Graña, presentaron hoxe a iniciativa
Narón, 25 de abril de 2025. O Concello e a Asociación Ferrolana de Drogodependencias (Asfedro) impulsaron unha campaña nos centros de ensino da cidade en materia de prevención co fin de reducir entre os menores os riscos asociados ao consumo de alcol. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro; a presidenta de Asfedro, Sari Alabau, e a educadora social da entidade, Rebeca Graña, presentaron hoxe a iniciativa, baixo o lema “A modiño: a festa é túa, elixe como vivila”.
A rexedora local destacou o feito de que participaron na convocatoria un total de 144 alumnas e alumnos de terceiro e cuarto curso da ESO dos colexios do Feal, Jorge Juan e do IES As Telleiras. “A través desta campaña tentamos promover unha conciencia crítica entre os menores, sensibilizalos sobre os riscos do consumo, e nesa liña xoga un papel fundamental a asociación Asfedro, á que lle agradecemos que no marco do convenio que mantén co Concello levase a cabo unas presentacións interactivas nas aulas”. Ao respecto, a educadora social da entidade explicou que nas mesmas o alumnado explorou diferentes escenarios hipotéticos relacionados co consumo de alcol nunha noite de verbena e tamén se distribuíron pulseiras co lema “A modiño” para reforzar a mensaxe de moderación e responsabilidade nas decisións relacionadas co lecer. “É importante retrasar a idade do inicio do consumo de alcol e tamén loitar contra a desinformación sobre este tema, facer reflexionar á mocidade, que tivo unha resposta moi positiva a esta campaña”, apuntou Rebeca Graña, a persoa encargada de levar a cabo esas presentacións interactivas.
Finalmente, editáronse uns vídeos que se poderán ver nos vindeiros días nas redes sociais do Concello de Narón sobre esta mesma campaña, que valoraron positivamente tanto dende o Concello como dende Asfedro.