O PADROADO DA CULTURA E A SOCIEDADE CULTURAL AREOSA CELEBRARÁN ESTE SÁBADO A FESTIVIDADE DOS MAIOS
A festividade inclúe un completo programa de actos que se iniciará pola mañá e continuará toda a tarde, tal e como indicou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro
Narón, 7 de maio de 2025. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro; Maribel Mouriz, vicepresidenta da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, Herminia Vázquez e Abel González, representantes da citada entidade, presentaron a programación da festividade dos Maios, que terá lugar este sábado, día 10. A chegada da primavera festexarase un ano máis cunha celebración organizada dende o Padroado e Areosa e a través da que se implica a persoas de diferentes idades con motivo de manter viva unha das nosas tradicións culturais.
A praza de Galicia será a localización na que un ano máis dé comezo a programación, a partir das 11.00 horas co deseño e decoración con flores dunha gran alfombra floral cun deseño do artista Leandro Lamas. A alfombra ocupará unha superficie de dez metros de longo por dez de ancho e unha vez realizado polo autor o deseño na praza, que será a imaxe do cartaz dos maios deste ano, poderán participar na súa elaboración todas as persoas que o desexen.
Pola tarde continuará a programación dende as 16:30 horas, momento no que se concentrarán no Centro Cívico Social de Piñeiros os maios que participarán no pasarrúas que se levará a cabo entre o citado local e a praza de Galicia, por un tramo da estrada de Castela. Haberá restricións temporais no tráfico rodado debidamente indicadas mentres os maios realizan o percorrido, que sairá ás 17:00 horas de Piñeiros.
A recepción na praza de Galicia será ás 18:00 horas, momento no que se desenvolverá o programa de actos dos xogos florais, coa exposición dos maios que nas últimas semanas se realizaron, a través do Padroado da Cultura, nos centros de ensino da cidade. Nesta ocasión participaron dez centros educativos: O Feal, o CRA de Narón, A Solaina, Ayala, Piñeiros, A Gándara, Ponte de Xuvia, Virxe do Mar, Jorge Juan e Santiago Apóstol. En total, 998 menores de educación infantil e primeiro ciclo de primaria participaron nesta actividade, realizando os seus propios maios. Así mesmo, poderanse ver o sábado na praza de Galicia tamén os maios elaborados nos obradoiros de arte floral que, tamén a través do Padroado da Cultura, se impartiron de balde nos locais sociais do Val, San Mateo e Piñeiros, en colaboración coa AVV Os Irmandiños, a Agrupación Veciñal de San Mateo e a Sociedade Cultural Areosa, respectivamente.
Os grupos do Padroado da Cultura encargaranse de amenizar esta festividade, que contará tamén cunha mostra de arte floral na praza de Galicia.
Ferreiro destacou a importancia “de manter vivas as nosas tradicións contando coa implicación das veciñas e veciños da nosa cidade, para celebrar unha festividade cun marcado carácter interxeracional”. Así mesmo, tanto a alcaldesa como os representantes de Areosa animaron á participación e a desfrutar dunha cita na que, tal e como indicaron dende a entidade, haberá un chocolate con churros na praza de Galicia, de balde, para todas e todos os que o desexen.