A edil de Igualdade, María Lorenzo, recordou que se ofertan un centenar de prazas para menores nados entre 2013 e 2021
Narón, 15 de maio de 2025. O prazo de inscrición no programa Conciliaverán 2025 rematará mañá venres ás 13:30 horas. A iniciativa contempla actividades lúdico-educativas como xogos populares, obradoiros de manualidades, dinámicas de dinamización… con carácter inclusivo e contidos transversais de educación en valores dirixidas a menores nados entre 2013 e 2021. É preciso que os rapaces e rapazas estean escolarizados este curso nun centro educativo da cidade ou empadroados/as en Narón e nos que os pais/nais ou titores/as do/da menor estean traballando, tal e como recordou a concelleira de Igualdade, María Lorenzo.
O programa oferta un total de cen prazas e desenvolverase nas instalacións do CRA de Domirón do 30 de xuño ao 8 de agosto, en tres quendas: do 30 de xuño ao 11 de xullo; do 14 ao 24 de xullo e do 28 de xullo ao 8 de agosto. O horario será de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e haberá servizo de madrugadores de 8:00 a 9:00 horas e acompañamento ao mediodía, de 14:00 a 15:00 horas para aqueles casos que así o soliciten.
As inscricións –de balde- deben tramitarse –actividade ao abeiro do Plan Corresponsables- a través da Sede Electrónica de Narón (onde están publicadas as bases ao completo), o Rexistro municipal ou calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. As persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).