A BIBLIOTECA ACOLLERÁ UNHA MOSTRA DO TRABALLO ARTESANAL REALIZADO POR ALUMNAS DO ESTABLECEMENTO TIRAHILOS
A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, informou que a mostra se poderá visitar do 2 ao 6 de xuño
Narón, 20 de maio de 2025. A Biblioteca municipal acollerá do 2 ao 6 de xuño unha exposición de finais de curso co traballo artesanal que realizan as alumnas do establecemento Tirahilos, que ofrece clases de patchwork e bolillos. As persoas que se acheguen á mesma poderán ver as creacións de máis de medio cento de alumnas elaboradas ao longo do curso, como cubrepés, colchas, manteis, toallas, sábanas, bolsos, delantais… tal e como indicou a edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro.
A mostra poderá verse de luns a venres en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas e durante a apertura da mesma sempre estará unha das alumnas para explicar os procesos e técnicas empregados nos diferentes traballos. As autoras das pezas expostas tamén traballarán en directo na mostra, elaborando algunhas novas pezas ante o público. Ao remate da exposición, segundo avanzou a concelleira naronesa, sortearase entre todas as persoas participantes unha peza confeccionada polas alumnas ao longo da semana.