O CONCELLO SOLICITA NOVOS INFORMES Á CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL PARA AVANZAR NA SOLUCIÓN Á PROLIFERACIÓN DAS MOSCAS NO VAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a comisión celebrada onte no Concello para abordar o problema, na que tamén estiveron a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, persoal técnico, o edil de Sanidade e Medio Ambiente, Manuel Ramos, de TEGA; os voceiros do PP, Germán Castrillón e do BNG, Olaia Ledo, o edil do PSOE Jorge Ulla e a presidenta da AVV Os Irmandiños, Manoli Castro
Narón, 21 de maio de 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Comisión informativa sobre a problemática das moscas na parroquia do Val. En representación da Xunta estivo presente a delegada territorial, Martina Aneiros e por parte da AVV “Os Irmandiños” do Val acudiu a presidenta, Manoli Castro. Estiveron tamén en representación do Concello persoal técnico, o edil de Sanidade e Medio Ambiente, Manuel Ramos, de TEGA; os voceiros do PP, Germán Castrillón e do BNG, Olaia Ledo, e o edil do PSOE Jorge Ulla.
Na reunión abordáronse as xestións realizadas nos últimos meses dende o Concello relativas á problemática que nos últimos anos se repite nalgunha zona do termo municipal debido á proliferación de moscas na tempada estival. Unha das últimas comunicacións realizadas ao respecto dende o Consistorio, hai tan só uns días, foi coa Consellería de Medio Rural, á que se solicitaron unha serie de informes sobre áreas moi específicas do seu ámbito.
Ao remate da xuntanza acordouse esperar á resposta de Medio Rural sobre as cuestión plantexadas dende o Concello e destacouse dende o goberno local o compromiso de seguir traballando e colaborando coas administracións supramunicipais para esclarecer a situación e tratar de poñer fin a esta problemática que afecta a algunhas veciñas e veciños do rural.