A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os edís de Seguridade Cidadá, José Oreona, e de Ensino, Olga Ameneiro, estiveron con menores en Xuvia
Narón, 10 de xuño de 2025. A décimo sétima edición da Marcha Ciclista Escolar resultou un ano máis un éxito de participación. Sobre as 9:30 horas saían dos seus respectivos centros de ensino da cidade uns 1.200 alumnos e alumnas nas súas bicicletas en dirección ao paseo marítimo de Xuvia, onde se reuniron para tomar un refrixerio e descansar un pouco antes de regresar de novo, sobre as 12:45 horas, ás aulas. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o edil de Seguridade Cidadá, José Oreona, e a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, estiveron coas nenas e nenos que participaron.
Antes da súa chegada os participantes, segundo os centros, reagrupáronse no aparcamento do Pazo da Cultura e na glorieta de Freixeiro. Dende alí chegaron ao paseo de Xuvia pola rúa Xoán XXIII e a volta aos centros foi polo paseo de Xuvia en dirección a Megasa.
Dende o Concello agradeceuse a implicación do persoal docente e Anpas dos centros Ponte de Xuvia, Jorge Juan, O Feal, o CRA de Narón, A Gándara, Santiago Apóstol, Virxe do Mar, Ayala, A Solaina e Piñeiros, acompañados por persoal docente, das ANPAS, e tamén do Maciñeira de Neda, que un ano máis participou na convocatoria. Así mesmo, destacouse o labor dos pais e nais a título particular que acompañaron aos menores no recorrido, de persoal do moto club Fojeteiros, de clubs ciclistas locais, Protección Civil e Policía Local.