O CONCELLO OFERTOU MÁIS DE 500 PRAZAS DE CONCILIACIÓN DIRIXIDAS A MENORES DE ENTRE 3 E 12 ANOS
Os menores de 3 a 12 anos dispoñen dunha variada oferta de actividades, todas elas de balde, tal e como recordou a alcaldesa, Marián Ferreiro
Narón, 2 de xullo de 2025. O Concello de Narón ofertou este ano 530 prazas de conciliación para participar en diferentes actividades e programas municipais, todos eles de balde, durante parte da tempada estival. Na xornada de onte deron comezo os Campamentos de verán do Pazo da Cultura, o programa ConciliaVerán que se imparte no CRA de Domirón e o programa Informática Divertida (INDI), na Aula CeMIT de Xuvia e en centros cívicos sociais da zona rural. Outra das propostas, as actividades da Ludoteca municipal infantil da Solaina, iniciouse xa a finais do pasado mes de xuño.
“Trátase de propostas moi variadas, dirixidas a menores a partir de 3 anos en todos os casos menos no programa INDI e a través das que queremos ofrecer ás familias unha oportunidade de conciliación coincidindo co período vacacional das nenas e nenos”, apuntou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro. As nenas e nenos participan nestas actividades dende primeira hora da mañá e con actividades moi variadas, pensadas en función da súa idade.
Tanto os Campamentos de verán do Pazo como o Conciliaverán e a Ludoteca da Solaina están dirixidos a nenas e nenos de 3 a 12 anos. Xogos populares, obradoiros, dinámicas de animación, música, actividades medioambientais… forman parte das múltiples opcións coas que a diario se traballará cos menores. “Trátase de actividades pensadas dende a perspectiva da coeducación, nas que se incide na importancia de temas como a igualdade, a corresponsabilidade, o coidado e o respecto ao medio ambiente… abordándoos dun xeito lúdico e ao mesmo tempo didáctico”, recalcou.