Un total de seis persoas narrarán en primeira persoa as súas experiencias de viaxes polo mundo
Narón, 24 de xullo de 2025. O Festival da Cultura Viaxeira Gulliver Fest ofrecerá este ano seis charlas viaxeiras nas que homes e mulleres contarán as súas experiencias en primeira persoa. Trátase dunha das propostas máis concorridas e esperadas da programación deste evento, que se desenvolverá do 7 ao 10 de agosto na zona da área recreativa de Pedroso.
O venres 8 terán lugar tres charlas, todas en horario de tarde. A primeira delas, ás 17:00 horas, correrá a cargo de Bea González, que falará de “Deixalo todo para vivir a vida que soñas”. Unha rapaza que vive dende hai anos nunha veganeta e contará a súa experiencia e o seu labor retratando a persoas e animais. Ás 18:00 horas será o turno de Rubén Prieto, un deportista, actor e emprendedor de Camariñas que contará a súa experiencia vivindo nunha autocaravana e viaxando e traballando, baixo o título de “Autocaravanas de mar”. A continuación, ás 19:00, dará comezo unha charla a cargo de persoal da empresa Worknature, especializada en natureza e ecoturismo, sobre “Más allá de la técnica: adaptación física y mental en la supervivencia”.
Na xornada do sábado 9 de agosto programáronse outras tres charlas viaxeiras, a primeira delas ás 11:00 horas, a cargo de Fernando Castiñeiras, que falará de “Las infinitas rutas de las crónicas de viajes”. Fernando deixou o seu traballo de mestre de español en Alemaña para viaxar durante seis meses por América latina. Na mesma xornada, pero en horario de tarde, programáronse outras dúas charlas, unha delas ás 18:00 horas, “De España a China, 16.000 km para volver a mis raíces”. Será nese caso Sara Qiu, unha aventureira española de orixe china a que conte a súa experiencia da viaxe que realizou en bicicleta dende Zaragoza ata Qingtian, durante dous anos, percorrendo quince países. A última das charlas da edición deste ano do Gulliver Fest correrá a cargo de Walter Astrada, “Memorias con Atenea, 9 años y medio en moto”. Astrada é un fotoxornalista que deu a volta ao mundo en moto, percorrendo 40 países e 130.000 quilómetros en nove anos e medio.
Trátase de propostas con entrada libre, ao igual que o resto da programación da sexta edición do Gulliver Fest, que se pode consultar ao completo no enlace: https://gulliverfest.naron.gal/programa/.