Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADO NO PLENO UN ORZAMENTO DE 40,8 MILLÓNS DE EUROS, O MÁIS ELEVADO DA HISTORIA DA CIDADE
O documento contable saíu adiante cos votos favorables dos edís de TEGA e a abstención dos do BNG
Narón, 12 de agosto de 2025. O goberno local de Narón levou esta mañá a un pleno extraordinario os orzamentos municipais deste ano, que ascenden a 40.890.817 euros, aprobado cos votos favorables dos edís de TEGA e a abstención do BNG. “Trátase do orzamento máis elevado do Concello, que parte dun equilibrio financieiro e fiscal”, asegurou o edil de Facenda, Román Romero. No apartado de investimentos contémplanse actuacións por case 2,5 millóns de euros, unha contía global que permitirá acometer melloras en instalacións deportivas, en centros cívicos sociais municipais e centros de ensino, accesibilidade e eficiencia enerxética, saneamento e melloras en viais do termo municipal. A este último ámbito destinaranse preto de 867.000 euros do orzamento, con cargo aos que se abriría unha rúa de nova apertura perpendicular á San Carlos, se construirán beirarrúas nun tramo da estrada Álvaro Paradela, mellorarase a accesibilidade na contorna da praza do Concello, reporase a rodadura de camiños na zona rural e tamén se executarán asfaltados de viais. Así mesmo, o documento contable contempla unha partida de algo máis de 91.000 euros para ampliar o saneamento na parroquia do Couto; outra de 105.000 para a construción dun novo parque canino, neste caso en Freixeiro, e 290.000 euros para o acondicionamento do centro de maiores das Vivendas da Mariña. No ámbito deportivo acometeranse actuacións orzamentadas en preto de 287.000 euros. Con cargo a esta partida dotarase de material de atletismo ao estadio de Río Seco, tamén se adquirirá material para tiro con arco, colocaranse redes e pintarase a pista de hockey do pavillón do Val, mellorarase a cuberta do pavillón da Gándara e o tellado e drenaxe do das Lagoas, reformarase a bancada destas últimas instalacións, etc. Os centros cívicos sociais da cidade serán tamén obxecto de actuacións orzamentadas para este ano, como a reposición da carpintería exterior do de San Xiao e o do Couto e a reparación das cubertas e impermeabilización das instalacións do local do Paraxe e A Chousa, en Castro. En canto aos centros de ensino, proxectáronse actuacións nos de Piñeiros, A Solaina, A Gándara, Domirón e Ponte de Xuvia, con actuacións para mellorar a accesibilidade, reposicións de chan e portas, e outras obras. Na sesión aprobouse tamén a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que entre outros puntos inclúe a creación dunha praza de técnico/a deportivo/a, dúas de peón e unha de viceinterventor/a. “O Concello realizará un importante esforzo inversor nestes orzamentos e, a maiores, durante o ano está previsto incrementar eses investimentos con cargo a modificados, porque é un documento vivo”, apuntou o edil. Romero incidiu en que “eses investimentos están fortemente condicionados polas competencias impropias, cada vez máis, aos que hai que facer fronte dende as arcas municipais porque outras administracións non asumen, aínda sendo competencia delas, como é o caso do servizo de madrugadores, a xestión das escolas infantís municipais, ou o servizo de axuda no fogar”. Aínda así dende o goberno local destacouse o labor feito para presentar este documento contable e incidiuse tamén no feito de que “continuamos apostando por centrar investimentos no mantemento de servizos públicos de calidade para a cidadanía, para poder ofrecerllos nas mellores condicións e priorizando en todo momento ás persoas”. Romero incidió que o de hoxe foi “un paso máis para avanzar fronte ao bloqueo permanente para esta cidade e, por extensión, para as naronesas e naroneses, que practican tanto o PP como o PSOE”.

<<< Agosto 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal