O SAXO DE PERICO SAMBEAT ABRE ESTE VENRES O FESTIVAL JAZZ DE RÍA CUN CONCERTO NO PAZO DA CULTURA
A programación do festival Jazz de Ría desenvolverase do 15 ao 19 de agosto nos concellos de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño
Narón, 13 de agosto de 2025.- O Jazz de Ría arranca este venres cun concerto de altura que lle dará ao público a oportunidade de escoitar a un dos mellores saxofonistas do panorama estatal, interpretando unha proposta na que a elegancia e a sorpresa do jazz se unirán aos ritmos cálidos e festivos do flamenco. A emoción está asegurada e aínda é posible conseguir entrada de balde chamando á billeteira do Pazo da Cultura.
Perico Sambeat chegará a Narón este venres ás 21:30 horas, despois de actuar nos mellores festivais e auditorios do mundo, para facernos gozar cos temas de Roneando, nos que emprende unha viaxe sonora cara os ritmos flamencos nos que demostra a súa habilidade para explorar novos camiños enredando o jazz con bulerías, tanguillos, alegrías e seguidillas, acompañado por un quinteto de elite integrado por Albert Sanz García -ao piano, Miquel Álvarez Ramos no contrabaixo, Sergio Martínez Díaz co caixón e a percusión e Vicente Porcar Arnau na batería.
Paixón e técnica únense no estilo envolvente do saxofonista valenciano que iniciou os seus estudos de música aos seis e forxou o seu talento no Taller de Músics de Barcelona e na New School de Nova York, onde puido tocar con lendas do jazz como Le Konitz, Jimmy Cobb ou Joe Chambers. A súa prolífica carreira profesional rexistra mais de 20 discos ao seu nome e máis de 150 como colaborador, con artistas como Dave Douglas, Ron Carter, George Colligan, Eddie Henderson, Bruce Barth, Michael Brecker, Wallace Roney e un longo etcétera.
Do venres 15 ao martes 19 de agosto diferentes enclaves naturais e patrimoniais de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño gozarán de concertos de bandas galegas e estatais que exploran con valentía todos os recunchos do xénero para deixar claro que o jazz é, sobre todo, unha música libre.
Na súa novena edición, o festival consolida un estilo de programación no que se funden paisaxe con descubertas musicais e no que o obxectivo continúa a ser levar a música jazz a todo tipo de públicos co territorio como gran cabeza de cartel. O sábado o programa desenvólvese integramente en Narón comezando pola mañá -11:30 horas- coa visita musicada que unirá jazz e patrimonio industrial no Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, o vermú de Swing On con aulas abertas de lindy hop na Praza do Concello de Xuvia -13:00- e unha tarde no Parque Freixeiro- dende as 17:00- cos obradoiros de reciclaxe musical da Escola da Vaca, o podcast colaborativo de Pepe Cunha, Ábrete de Orellas e os concertos da trompetista catalá Alba Armegou, o quinteto de jazz liderado por Diego Alonso presentando o proxecto Nihil e o concerto co que Sumrrá conmemora o seu 25 aniversario acompañado de grandes amigos musicais. O domingo a festa continúa en Neda cun paseo sonoro -11:30- para rescatar a memoria musical da comarca percorrendo o barrio de San Nicolás da man do xornalista e crítico musical, Fernando Fernández Rego, xusto antes de escoitar as inclasificables e excitantes melodías de Trilitrate na Ribeira -13:00-. O luns viaxamos ata Cedeira para deixarnos emocionar pola forza vocal do Coro da Ra no Parque dos Patos -19:00- e asistir despois no Parque de San Isidro -21:30- a un dos primeiros concertos do novo traballo de Xan Campos, Amorodios, onde presenta por primeira vez temas cantados para os que conta coa voz de Faia Díaz. O martes un sorprendente roteiro polos Balcóns do Atlántico -19:00- da man de Xurxo Souto e os ritmos cálidos de Copos de Avea ao solpor -21:00- na praia do Baleo porán fin a esta gran festa de jazz, beleza e liberdade. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre.
O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).