O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ ESTE MES A REPRESENTACIÓN DO MUSICAL ¡PETER... VOLAMOS!
A edil de Igualdade, María Lorenzo, recordou que a representación será o día 20 e que os convites poden recollerse dende mañá no Pazo da Cultura
Narón, 4 de setembro de 2025. A concelleira de Igualdade, María Lorenzo, anunciou a representación na cidade, nas instalacións do Pazo da Cultura, do musical ¡Peter… Volamos!, unha produción inclusiva protagonizada por medio centenar de persoas con discapacidade intelectual da asociación Aspas, de Santiago de Compostela. O acto de presentación contou coa presencia de Javier García, presidente de Aspas; Laura Sanmiguel, integrante da entidade e produtora; Kiko Bouza, director do musical e Daniel Rodríguez, un dos actores protagonistas, así como de Juan Manuel Victoria e Rocío Coira, presidente e directora xerente da Asociación Nuestra Señora de Chamorro. As persoas interesadas en acudir á cita, que será o día 20 de setembro ás 20:00 horas, poden recoller os convites a partir de mañá venres no despacho de billetes do Pazo, tal e como anunciou a edil de Igualdade. O Concello colabora con esta iniciativa conxuntamente coa asociación Nuestra Señora de Chamorro e a Rede Cultural da Deputación da Coruña.
“¡Peter... Voamos!” é un musical inclusivo protagonizado por actores e actrices con discapacidade intelectual, que se subirán ao escenario do Pazo acompañados por unha orquestra en directo formada integramente por persoas voluntarias: mozos e mozas que cursaron estudos musicais, profesionais en activo e tamén afeccionados, entre eles un músico da Orquestra Sinfónica de Galicia. Súmanse a este elenco bailarinas da academia Balance, os entrañables “duendes apuntadores” e a dirección artística do proxecto. Todo isto complétase cun equipo de persoas voluntarias en son e iluminación, maquillaxe e dúas nais veteranas da asociación, responsables de confeccionar e adaptar o vestiario. Mocidade e persoas maiores únense así con ilusión para crear un espectáculo cheo de maxia e emoción compartida, tal e como recalcaron dende a asociación Aspas.
Este proxecto representa o talento, o esmero e a capacidade de superación das persoas con discapacidade intelectual, que, a través do seu traballo e esforzo, demostran que non hai límites para a creatividade e a arte. Fruto desta experiencia, mesmo unha das actrices do elenco deu o salto ao teatro profesional, chegando a ser protagonista da obra Nada se sabe de Manuel Lourenzo.
O presidente de Aspas agradeceu a colaboración do Concello e tamén a implicación da asociación Chamorro, por solicitar este espectáculo a través da Rede Cultural da Deputación. Recordou que se trata dun musical que despraza a máis dun centenar de persoas, que se estreou no ano 2017 e que estivo en constante evolución en todos estes anos, pasando de durar media hora a máis de hora e media.
Pola súa banda, o director do musical, Kiko Bouza, destacou que se trata dun espectáculo pensado para “a interrelación dos participantes no mesmo, pola igualdade” e avanzou que estarán presentes recoñecidos profesionais como Germán Cabrera, primeiro bailarín do Ballet Nacional, entre outros.
Dende a Asociación Chamorro Rocío Coira asegurou que “temos ganas de ver esta obra e queremos destacar o feito de que se poñan en valor estes musicais, dando visibilidade ao colectivo que os protagoniza e á asociación Aspas en particular”.
Así mesmo, un dos protagonistas da obra, Daniel Rodríguez, que será a sombra de Peter Pan, animou á cidadanía a acudir ao espectáculo. “Facemos todo ben”, garantiu, insistindo en que xa realizaron varias representacións noutros concellos e en que “queremos que veña moito público, que acuda xente que non viu aínda a obra”.
Con máis de cinco anos de traxectoria, “¡Peter... Voamos!” foi cualificado pola crítica como “un musical que demostra que a discapacidade é relativa”, enchendo teatros e sorprendendo coa súa calidade artística e humana. O espectáculo en Narón promete ser unha velada inesquecible, na que o público poderá redescubrir a historia de Peter Pan a través dunha posta en escena cargada de emoción, espontaneidade e ilusión.
A concelleira de Igualdade, María Lorenzo, recalcou que “é un honor poder colaborar coa asociación Aspas, á que queremos agradecer que veña a Narón a representar este musical, poñendo en valor tanto o espectáculo como ao colectivo implicado no mesmo, e tamén valorar a implicación da Asociación Chamorro no proceso que os traerá á nosa cidade”. A edil animou á cidadanía a acudir o día 20 ao Pazo, con entrada de balde previa a retirada dos convites, para poder desfrutar do musical ¡Peter… volamos!.