A ALCALDESA ASINOU O ACORDO COA XUNTA PARA CEDER UNHA SUPERFICIE DE 4.000 METROS CADRADOS DESTINADA Á COSNTRUCIÓN DE VIVENDA DE PROMOCIÓN PÚBLICA
Marián Ferreiro rubricou o documento coa conselleira de Vivenda, María Martínez, á que lle lembrou a necesidade dunha residencia de maiores na cidade
Narón, 5 de setembro de 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asinou hoxe coa conselleira de Vivenda, María Martínez, un documento no que se constata a cesión de dúas parcelas de titularidade municipal para que a Xunta de Galicia constrúa vivenda de promoción pública na cidade. Os terreos, anexos, están ubicados na rúa 3 de abril, en San Xiao, e teñen unha superficie total de case 4.000 metros cadrados. Nesta superficie construiranse preto dun centenar de vivendas protexidas.
A alcaldesa, que estivo acompañada doutros representantes da corporación municipal e de persoal técnico do Consistorio, valorou a receptividade da Consellería de Vivenda ao ofrecemento dos terreos por parte do Concello, o que permitirá construír a edificación e atender unha importante demanda na cidade. Ferreiro destacou a relevancia da colaboración entre administracións para poder materializar este tipo de proxectos e recordou tamén outra das demandas do goberno local á Xunta de Galicia, unha residencia para persoas maiores. A propia rexedora local trasladou en reiteradas ocasións á administración autonómica esa necesidade e ofreceu terreos para poder materializar o proxecto.
En canto ás vivendas de promoción pública amosou tamén o seu desexo de que se poidan construír “o antes posible” para poder poñelas a disposición da cidadanía.