UNHA UNIDADE MÓBIL PARA A DOAZÓN DE SANGUE DESPRAZARASE ESTE MES A VARIAS UBICACIÓNS DA CIDADE
O vehículo estará operativo mañá martes nas inmediacións da Cooperativa do Val e este venres xunto ao Xulgado de Paz, en Xuvia
Narón, 15 de setembro de 2025. Unha unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) desprazarase catro días deste mes á cidade, onde estará operativa en diferentes ubicacións. A primeira xornada será mañá martes cando se poderá doar sangue nas inmediacións da cooperativa do Val en horario de mañá, de 9:30 a 14:30 horas. Esta mesma semana o vehículo tamén estará en Xuvia, nas inmediacións do Xulgado de Paz, o venres 19 pola tarde, de 15:30 a 21:00 horas.
As seguintes dúas citas programadas son para a vindeira semana, os días 22 e 23, nos que a unidade de ADOS estará nas inmediacións do novo centro de saúde. En ambas xornadas estará operativa en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 14:30 e dende as 15:30 ata as 21:00 horas.
Para doar sangue é preciso almorzar previamente e despois de xantar (non realizar comidas copiosas) esperar dúas horas. Así mesmo, débese acudir ás unidades móbiles coa tarxeta de doazón, DNI ou algún documento similar e informar ao médico no caso de que se estea tomando algún medicamento. Dende ADOS recordouse que as persoas que queiran consultar posibles dúbidas sobre a doazón de sangue e a localización das unidades móbiles poden chamar, de balde, ao número de teléfono 900 100 828.