O PROXECTO SOBRE COMPOSTAXE DESCENTRALIZADA E INSERCIÓN SOCIOLABORAL IMPULSA AOS CONCELLOS A REALIZAR ITINERARIOS PROPIOS NESTA ÁREA
Os edís Ibán Santalla e María Lorenzo acudiron á convocatoria, celebrada no Café Teatro do Pazo da Cultura
Narón, 18 de setembro de 2025. O Café Teatro do Pazo da Cultura acolleu na tarde de onte o acto de presentación do proxecto “Compostaxe descentralizada e inserción sociolaboral”, impulsado dende Seitura 22. Os edís Ibán Santalla e María Lorenzo acudiron á convocatoria, na que participaron o presidente da asociación Seitura 22, Miguel Teixido; Pedro Rodríguez, da asociación Aspadir, que falou dunha iniciativa de compostaxe comunitaria e inserción sociolaboral no concello de Rivas-Vaciamadrid e Ángel Lorenzo, da asociación Euroeume, que destacou os fitos e actividades deste proxecto.
Esta iniciativa continuará este mes e en outubro coa realización de visitas a entidades interesadas para elaborar un informe individualizado co fin de diagnosticar as fortalezas, oportunidades e necesidades para desenvolver un proxecto propio centrado na compostaxe, tal e como se informou no acto.
“Dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa de Seitura
22 para o período 2023-2027 definíronse varios obxectivos
estratéxicos con varias liñas de traballo. Entre eles está o de
mellorar a calidade de vida da poboación, fomentando a toma de
conciencia en relación coas prácticas ambientais responsables, a
reciclaxe, redución da pegada ecolóxica e impulsando a economía
circular”, explicaron dende a entidade. Na actualidade apóstase por centrarse no desenvolvemento dun proxecto de cooperación Leader para estudar a
posibilidade de impulsar programas de compostaxe descentralizado de cara
a facilitar a inserción sociolaboral de persoas en situacións de
vulnerabilidade.
Á convocatoria de onte asistiu persoal das xuntas directivas e
dos equipos laborais das entidades do terceiro sector, ao que se lle explicaron as distintas actuacións que contempla o proxecto e se lles relatou a través de videoconferencia a experiencia realizada pola asociación Aspadir, que xestiona as áreas de compostaxe comunitaria en Rivas-Vaciamadrid.
“A inclusión sociolaboral das persoas en situación de vulnerabilidade e
colectivos de persoas con discapacidade, é o obxectivo deste proxecto,
que pretende dar a coñecer diferentes experiencias realizadas neste
ámbito a nivel local e nacional, e facilitar ás entidades
participantes o inicio dun itinerario para a realización do seu propio
proxecto no seu concello”, indicaron dende Seitura 22.
Así mesmo, informouse que as distintas alternativas da compostaxe descentralizada (individual, comunitaria e agrocompostaxe) teñen demostrado en vilas galegas que son unha oportunidade viable para xestionar importantes cantidades destes residuos. Os beneficios son múltiples: económicos, ambientais, sociais, etc. A maiores, recalcouse que os procesos relacionados coa compostaxe poden supoñer unha oportunidade para as entidades do terceiro sector: dende a instalación destas áreas ata a xestión e manexo das áreas de compostaxe comunitarias, dos residuos orgánicos procedentes de centros de hostalería, comedores comunitarios… como se demostrou noutras áreas do país.