O CONCELLO INICIARÁ OS TRÁMITES PARA INTEGRAR AO CIMIX NO SISTEMA GALEGO DE CENTROS MUSEÍSTICOS
A corporación local levou ao pleno unha declaración institucional ante a catástrofe humanitaria causada polo brutal ataque do estado israelí á poboación palestina de Gaza
Narón, 25 de setembro de 2025. O Concello de Narón iniciará os trámites para crear e cualificar o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) como Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural e integralo no sistema galego de Centros museísticos. Así se acordou no pleno celebrado esta mañá no Concello, co respaldo unánime da corporación. A través desta incorporación o centro poderá optar a convocatorias de axudas autonómicas a través do Consistorio.
Na convocatoria saíu adiante por unanimidade a declaración de especial interese e utilidade municipal das obras de instalación fotovoltaica no lugar do Cruceiro.
Así mesmo, aprobouse a prórroga do terceiro Plan de Igualdade de Narón, que se manterá en vigor durante dous anos máis co fin de reforzar as liñas que foron desenvoltas en menor medida e abundar nas actuacións que foron máis exitosas, sen necesidade de introducir modificacións nin novas liñas de traballo, tal e como se contempla no documento abordado no pleno.
Na sesión aprobouse inicialmente o regulamento de actividades de conciliación en períodos de vacacións escolares desenvolvidas polo servizo sociocomunitario municipal e cuxos requisitos se establecerán nas bases das diferentes convocatorias. O acceso ás diferentes actividades terá deste xeito unha seguridade xurídica. Así mesmo, aprobáronse inicialmente a modificación do regulamento de participación cidadá do Concello e tamén o regulamento do arquivo municipal do Concello, sobre os que non se presentaron alegacións aos respectivos borradores das disposicións publicados e sometidos aos trámites de audiencia e información públicas.
Os catro grupos políticos da corporación local levaron ao pleno unha declaración institucional ante a catástrofe humanitaria causada polo brutal ataque do estado israelí á poboación palestina de Gaza. Unha declaración que responde á proposta achegada ao Consistorio pola organización Amnistía Internacional. A través da mesma o Concello pide, entre outras medidas, o cese do fogo inmediato para protexer a vida da poboación civil en Gaza; que as autoridades israelís deixen de cometer actos prohibidos na Convención contra o xenocidio contra a poboación palestina de Gaza, que Hamás e outros grupos armados en Gaza liberen de inmediato ás persoas civís, que a UE exerza o seu poder e influencia a favor dos dereitos humanos… Sobre esta declaración, dende o BNG remarcaron na sesión plenaria que “hai acordos que non compartimos”.
No apartado de mocións aprobáronse dúas do PP: unha delas para acometer actuacións urxentes no Camiño da Cruz do Puso, na parroquia de Doso, e outra sobre o estado do cemiterio municipal de Narón. A maiores, tamén saíron adiante as mocións do PSOE reclamando o mantemento das condicións económicas do servizo de Envellecemento activo e reclamando un SAF digno en Narón. Tamén se aprobaron as dúas mocións presentadas polo BNG, unha para a defensa do sistema público de atención á dependencia e mellora do SAF e outra solicitando unha oficina do SEPE en Narón.