A PROXECCIÓN DA PELÍCULA "ED WOOD" ABRIRÁ MAÑÁ NO PAZO O CICLO DE CINE "HISTORIAS EXTRAORDINARIAS"
O Concello e o Cineclube Serie B organizan esta convocatoria, con entrada de balde e que se prolongará durante catro semanas
Narón, 30 de setembro de 2025. O Concello e o Cineclube Serie B organizaron un novo ciclo de cine, “Historias extraordinarias” que dará comezo mañá, ás 20:00 horas, no Pazo da Cultura. O público poderá ver nesta primeira xornada a película “Ed Wood” gañadora de dous premios Óscar, protagonizada por Johnny Deep e Martin Landau e dirixida por Tim Burton. A entrada ás proxeccións deste ciclo, que se prolongará durante catro semanas, é de balde.
O vindeiro 8 de outubro proxectarase “Searching for sugar man”, gañadora dun Óscar ao Mellor documental longo e que conta a historia do desaparecido músico Sixto Rodríguez e o 15 de outubro “Radio encubierta”, de Richard Curtis, unha película sobre a revolución de Radio Rock, unha radio pirata na Inglaterra dos anos 60.
A última proxección será o día 22, cando se poderá ver no Pazo “Desenterrando Sad Hill”, de Guillermo de Oliveira. É un documental sobre a reconstrucción dun camposanto ficticio de Sad Hill, construído en Burgos para rodar a secuencia máis mítica de “El bueno, el feo y el malo”.