OS LIBROS EXPURGADOS DURANTE O VERÁN NA BIBLIOTECA ESTARÁN A DISPOSICIÓN DA CIDADANÍA TODO O MES DE OUTUBRO
A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, informou que poderán recollelos na planta baixa da sección de adultos todas as persoas interesadas
Narón, 30 de setembro de 2025. O persoal da Biblioteca municipal realizou durante o verán unha tarefa de expurgo nas citadas instalacións, revisando arredor dun milleiro de exemplares que estaban no depósito para dar de baixa os que se encontraban duplicados ou triplicados. A concelleira responsable da área, Olga Ameneiro, informou que a partir de mañá mércores, todas as persoas interesadas poden pasar pola planta baixa da sección de adultos/as para levar os seus libros favoritos, sen necesidade de devolvelos.
Entre a escolma pódense atopar contos infantís, novelas e poesía para público adulto, materiais temáticos como catálogos de exposicións de arte… Todos estes materiais estarán expostos ata finais de outubro ou ata esgotar existencias, segundo apuntou a edil naronesa.
A iniciativa organizouse coincidindo coa conmemoración, en outubro, do Día Internacional das Bibliotecas, e no que se levarán a cabo numerosas actividades.